O VII 'Santiago(é) Tapas' aspira a superar os 200.000 petiscos da historia do certame

O Santiago(é)Tapas vai celebrar a súa sétima edición entre o xoves 6 e o domingo 23 de novembro de 2014, segundo anuncian os seus organizadores, que animan, por outra parte, a todos hostaleiros a participar e a propoñer melloras as melloras que consideren oportunas na mecánica do concurso.
 
O colectivo empresarial volve organizar esta cita co obxectivo de consolidar este evento e de melloralo introducindo algúns cambios importantes despois de seis edicións nas que se venderon máis de 170.000 petiscos, mantendo como sinal de identidade o tapasporte e as diferentes etapas pola cidade, propoñendo unha peregrinación moi particular pola mellor da gastronomía en miniatura.

Na edición ano pasado, servíronse 37.000 petiscos nos 66 establecementos hostaleiros participantes, que ofreceron 109 creacións diferentes. Ademais, dez locais de hostalería nocturna ofreceron combinados especiais dentro da oferta complementaria de Santiago(é)Noite.

RÉCORD
A organización avanzou, ademáis, que aspira a que neste 2014 se superen os 200.000 petiscos servidos na historia do certame, promovendo ademáis nesta edición a creación de atractivos paquetes turísticos que durante o mes de novembro se poidan comercializar e que inclúan tapas, hospedaxe e transporte, combinando este evento gastronómico coa programación cultural de Cineuropa.

Tralo anuncio das datas e da vontade da organización de mellorar o certame e facer medrar o seu ámbito teritorial, chega o momento de introducir algúns cambios que solicitan os participantes dende hai anos, coma o de dar máis protagonismo ao público e introducir o escandallo das tapas, para comezar nas vindeiras semanas coa produción do Santiago(é)Tapas e anunciar xa a mecánica do concurso e a apertura do prazo de inscrición para os participantes.

Comentarios