Os salarios en Galicia son os cuartos máis baixos de España

O custo salarial por traballador e mes incrementouse un 0,9% no primeiro trimestre de 2016 na comunidade galega, ata situarse nos 1.596,18 euros

O custo salarial (que comprende todas as remuneracións, tanto en metálico como en especie) por traballador e mes incrementouse un 0,9% no primeiro trimestre en Galicia en relación co mesmo período do ano anterior, ata situarse nos 1.596,18 euros, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estadística (Ine).

Con todo, é o cuarto custo salarial máis baixo por comunidades autónomas, só por enriba do de Castela-A Mancha (1.559,61 euros), Canarias (1.538,72 euros) e Estremadura (1.500,17 euros).

En canto ao custo salarial por hora efectiva, fixouse ata marzo na comunidade galega en 12,18 euros (un 3,7% máis en taxa anual), fronte aos 14,13 euros da media estatal, onde, por traballador e mes, ascende a 1.832,26 euros.

Pola súa banda, o custo laboral medio por traballador e mes (que inclúe as remuneracións e as cotizacións sociais) é en Galicia de 2.203,05 euros, un 1,3% superior á cifra dun ano atrás. No conxunto estatal, esta contía descendeu dúas décimas, ata 2.481,51 euros. Por hora efectiva, o custo laboral en Galicia aumentou un 4,3%, ata 16,82 euros (son 19,14 para a media).

Mentres, os outros custos (custos non salariais) subiron un 2,4% na comunidade autónoma, cando no conxunto do estado baixaron un 1%, e alcanzaron os 606,87 euros (649,25 euros para a media). Por hora efectiva, en Galicia, creceron un 5,7%, ata 4,64 euros (5,01 para todo o estado).

No que respecta á xornada laboral, as horas mensuais pactadas, en total, para os traballadores son 150 en Galicia (148,7 para a media das autonomías), pero as horas efectivas sitúanse en 131 e as non traballadas en 19,5.

No caso dos que traballan a tempo completo, as horas pactadas ascenden a 169, e son 147,4 as efectivas e 22,1 as non traballadas. A tempo parcial, páctanse 83,6 horas, son efectivas 73,7 e 10,2 non se traballan.

4.375 VACANTES. No primeiro trimestre de 2016, rexistráronse en Galicia 4.375 vacantes de emprego, entendidas como o posto de traballo creado recentemente ou que non está ocupado ou que está a piques de quedar libre e para o que o empresario está a tomar medidas activas para atopar un candidato alleo á empresa.

Representan estas vacantes un 6,3% sobre o total estatal (69.028). En canto aos motivos polos que non existen vacantes, o 90,9% débese a que non se necesita ningún traballador máis, o 6,5% ao elevado custo de contratación e o 2,6% a outras causas.

DATOS ESTATAIS. No conxunto estatal, o custo laboral medio por traballador e mes ascendeu a 2.481,51 euros no primeiro trimestre do ano, o que supón un descenso do 0,2% respecto ao mesmo período de 2015. Con este recorte interanual, o custo laboral volve baixar logo de terse incrementado nos catro trimestres do ano 2015.

O custo laboral componse do custo salarial e dos outros custos. No primeiro trimestre do ano, o custo salarial apenas variou respecto ao primeiro trimestre de 2015, situándose nunha media de 1.832,2 euros por traballador e mes.

Excluíndo o factor variable dos salarios (pagos extraordinarios e atrasados) obtense o custo salarial ordinario, que no primeiro trimestre baixou un 0,2%, ata os 1.635,02 euros.

Os outros custos alcanzaron no primeiro trimestre os 649,25 euros, cun descenso interanual do 1%. O compoñente máis importante dos outros custos son as cotizacións obrigatorias á Seguridade Social, que totalizaron 588,38 euros, un 0,2% menos que no primeiro trimestre de 2015.

O segundo elemento importante dos outros custos son as percepcións non salariais, que baixaron un 5,9% debido á caída das indemnizacións por despedimento e das outras percepcións non salariais (indemnizacións por fin de contrato, pagos compensatorios, roupa de traballo, etc.). Pola súa banda, as subvencións e bonificacións, tamén incluídas nos outros custos, aumentaron un 8% en taxa interanual.

O Ine tamén proporciona datos corrixidos de calendario e desestacionalizados desta estatística. De acordo con esta serie, o custo laboral por traballador non sufriu cambios en taxa interanual tras catro anos crecendo. En taxa intertrimestral, o custo laboral retrocedeu un 0,4% no primeiro trimestre logo de enlazar catro trimestres (os do ano 2015) en positivo dentro da serie corrixida de estacionalidade e de calendario.

INDUSTRIA, ÚNICO SECTOR ONDE AUMENTA O CUSTO LABORAL. Por sectores de actividade, a industria rexistrou o único incremento do custo laboral no primeiro trimestre, cunha alza interanual do 0,5%, ata os 2.942,5 euros, como consecuencia do maior custo salarial. Por contra, o custo laboral reduciuse un 2,2% na construción, ata os 2.487,2 euros, e un 0,2% nos servizos, ata os 2.395,2 euros.

No caso dos outros custos, o maior descenso anotouno a construción (-3,5%), seguido dos servizos (-0,8%) e da industria, que rexistrou un retroceso do 0,7%.

Entre xaneiro e marzo, o salario ordinario máis elevado correspondeu á industria (1.895,5 euros por traballador e mes), un 0,2% máis que no mesmo período de 2015, seguido da construción, con 1.603,7 euros (-1,8%), e os servizos, con 1.588,6 euros (-0,2%).

Por actividades económicas, a subministración de enerxía, gas vapor e aire acondicionado e as actividades financeiras son as que presentan os custos laborais máis elevados, con 5.900,3 e 5.309,8 euros por traballador e mes, respectivamente, mentres que os menores corresponden ás actividades artísticas (1.661,3 euros) e a hostalería (1.400,8 euros).

Os crecementos interanuais máis significativos dos custos laborais no primeiro trimestre anotáronllos as industrias extractivas (+9,5%), as actividades inmobiliarias (+7,6%), as actividades profesionais (+3,3%) e a Administración Pública (+2%). Por contra, as maiores caídas rexistráronse na construción (-2,2%), o comercio (-1,4%) e a hostalería (-1,3%).

MADRID E PAÍS VASCO TEÑEN OS SOLDOS MÁS ELEVADOS. Por comunidades autónomas, os custos laborais máis altos rexistráronos Madrid (3.021,2 euros por traballador e mes), País Vasco (2.837,2 euros), Cataluña (2.621,2 euros) e Navarra (2.541,9 euros), mentres que os máis baixos déronse en Estremadura (2.036,3 euros) e Canarias (2.105,5 euros).

As dúas comunidades de cabeza, Madrid e País Vasco, superan en máis de 300 euros a media nacional (2.481,5 euros), mentres que as dúas últimas, Canarias e Estremadura, máis Castela-A Mancha, atópanse máis de 300 euros por baixo.

Pola súa banda, os custos salariais máis elevados tamén corresponderon a Madrid (2.272,2 euros por traballador e mes), País Vasco (2.094,7 euros por traballador e mes) e Cataluña (1.940,5 euros). Pola súa banda, os máis baixos situáronse en Estremadura (1.500,1 euros) e Canarias (1.538,7 euros).

XORNADA SEMANAL DE 34,2 HORAS. A xornada media pactada no primeiro trimestre foi de 34,2 horas á semana, aínda que a xornada efectivamente traballada foi de 29,8 horas tras descontar as horas perdidas de media á semana (4,5 horas, a maioría por vacacións e días festivos) e sumar as horas extraordinarias. Como consecuencia desta evolución, o custo laboral por hora efectiva aumentou un 3,1% en taxa anual, ata os 19,14 euros.

Segundo o tipo de xornada, a diferenza salarial entre os traballadores a tempo completo e parcial é de 4,78 euros por hora, con 14,79 euros por hora para os primeiros, e 10,01 euros para os segundos.

Os traballadores a tempo completo realizan 33,7 horas de traballo efectivo, case o dobre que os traballadores a tempo parcial (17,3 horas).

Comentarios