As Pontes saborea 22 propostas culinarias

Clientes en As Tres Pontes, con las 'Croquetas de mar' (Foto: MANCEBO)
photo_camera Clientes en As Tres Pontes, con las 'Croquetas de mar' (Foto: MANCEBO)

Saborear a gastronomía local e dinamizar o sector hostaleiro do municipio. O Concurso de Tapas Vila das Pontes mantén, nesta quinta edición, os seus obxectivos, e unha traxectoria ascendente, coa participación dunha vintena de locais e coa resposta masiva duns clientes cada vez máis entregados.

Así o resaltaban algúns dos hostaleiros que na primeira xornada do concurso -que deu comezo o sábado 12 e prolongarase ata o domingo día 20- xa se mostraban satisfeitos polo «incrible» arranque da cita.

«Levamos apenas unha hora dende o inicio e xa tivemos que poñernos a facer máis tapas, as que tiñamos preparadas xa se terminaron», recalcaba o propietario do mesón O Martínez, gañador da última edición do concurso.

E é que, como nos anos anteriores, o certame pontés presenta ata 22 propostas culinarias por un módico prezo dun euro, un dos grandes alicientes que animan, nestes complexos tempos a máis dun, a degustar e votar pola súa ración máis apetitosa.

«O concurso é interesante para os negocios, pero tamén para nós que podemos acudir e gozar da gastronomía», sinalan algúns dos clientes.

As zamburiñas, o polbo, as gambas, as luras e os lagostinos son algúns dos produtos máis empregados nas suculentas receitas que propoñen, por exemplo, os locais A Fervenza, As Tres Pontes, A Cepa, A Capela ou o Carboeiro.

Pero ademais, a carne, de porco ou de tenreira, tamén ten un papel primordial nas propostas da Bodega, A Cova ou o mesón O Martínez.

E como non podería ser doutro xeito, tamén hai opcións máis contundentes como as fabas con ameixas do Marbella ou un rolo de filete con xamón, panceta, queixo e salsa roquefort das Campeiras.

E as sorpresas, como cada ano, tampouco faltan. Hai locais, como o Trastoy 3, que non queren dar pistas aos clientes e presentan a súa tapa baixo o curioso nome de 'Nin pa min...nin pa ti...', recalcando que está cociñada con esencia da terra e algo máis.

PREMIOS

Para seguir coa tradición, o Instituto Pontés de Promoción Económica (Ippec), organizador da cita, premiará aos asistentes e veciños que se animen a degustar durante estes días as racións con dez premios de 50 euros cada un -en vales de cinco euros que deberán ser consumidos nos establecementos participantes no concurso antes do 31 de decembro deste ano- o que suman un total de 500 euros.

Ademais, os locais participantes na cita gastronómica optarán a dous premios: A Mellor Tapa Pontesa, outorgada polo xurado popular, e a Tapa coa Mellor Presentación, que concederá a comisión oficial de valoración, composta por cinco persoas da organización.

O acto de clausura e a entrega de premios celebrarase o venres 25, ás 19.00 horas, na Casa Dopeso, despois de que o día 21 sexan recollidas todas as urnas cos votos do xurado popular nos establecementos participantes.

O sorteo de premios do público terá lugar o día 22 ante a secretaria do Concello e os premiados deberán acudir ao acto de clausura para recibir os seus galardóns.

HORARIOS

Os veciños ou visitantes interesados en coñecer as propostas gastronómicas deseñadas polos 22 locais ponteses poderán acudir a eles no horario de degustación que será de mañá, de 12.00 a 14.00 horas, e de tarde, desde as 19.30 ás 22.30 horas, todos os días ata o vindeiro domingo.

As zamburiñas, o polbo, as luras ou os lagostinos son algúns dos produtos máis empregados nas racións

A entrega de premios do certame de tapas celebrarase o día 25, ás 19.00 horas, na Casa Dopeso

OS 22 PARTICIPANTES
Local   Tapa
A Bodega    Lombo de porco asado
A Caseta do Parque   Pingüíns de Madagascar
A Fervenza   Brochetas mar e terra
As tres pontes   Croquetas de mar
A Cova   Escalopíns con crema de queixo
A Cepa    Pincho de mar
As Campeiras   Vacatola
Centro   Guiso de San José
Carboeiro   Marabillas de mar
As Torres   Cor e sabor
Vales   Francesiña
Calvo   Luras na súa tinta con guarnición de arroz
Porta do Eume   Champi recheo
Casa Teresa   Crocante
A Capela   Piruletas de zamburiñas na súa salsa con xamón ibérico
Dreams   Tosta de xamón con queixo de rulo de cabra e cebola caramelizada
Pontes do Eume   14 de setembro
Mesón Ana   Rape en salsa da avoa
Mesón O Martínez   Solombo de terneira ou xeito Martínez
O Marbella   Fabes con ameixas
Trastoy 1   Maikeliña
Trastoy 3   Nin pa min... nin pa ti

Comentarios