Premio ao Mellor Queixo 2009 para a Quesería Catadoiro de Vilalba

A ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, entregou o luns ao propietario da Quesería Catadoiro, de San Simón (Vilalba), un dos premios aos Mellores Queixos 2009, no marco da feira Alimentaria 2010, que se celebra estes días en Barcelona.

O galardón, correspondente á categoría de queixos autóctonos realizados con leite de vaca prensada, foi recollido polo propietario da empresa alimentaria, Jesús Rei. Tras a entrega, destacou que premios como o que recibiu o martes ''demostran que o estamos facendo ben. Realmente, criamos que así era, pero este tipo de galardóns confírmannolo''.

En opinión deste empresario vilalbés, o premio ao Mellor Queixo 2009 significa ''un certificado e unha garantía de calidade''. Neste sentido, mantén que ''non só é un beneficio para nós, senón para a propia denominación de orixe do queixo de San Simón, porque se verán beneficiados todos á hora de comercializar o produto''.

Empresa
A Quesería Catadoiro é unha das oito que producen queixo de San Simón, sete na parroquia do mesmo nome e unha na de Oleiros. Ten unha decena de empregados e comercializa a súa produción en toda Galicia, boa parte de España e en varios países desde os Estados Unidos ao Xapón, pasando por Australia e a maioría dos países europeos.

Este galardón súmase a outros obtidos por Quesería Catadoiro,un deles conseguido nun certame gastronómico en Inglaterra, algo que Jesús Rey destaca pola proxección internacional que supón para un produto como o queixo da denominación de orixe de San Simón.

Obxectivo
O obxectivo dos premios Mellores Queixos, que concede o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, é promocionar e dar a coñecer os queixos autóctonos españois, os ecolóxicos e outros tipos que teñen unha calidade organoléptica, así como estimular aos produtores a elaborar e comercializar estes produtos.

No obxectivo do ministerio atópase tamén revalorizar o labor desenvolvido por profesionais e entidades que dunha ou outra forma participan na cadea agroalimentaria. Neste sentido, tamén se ten en conta a agricultura ecolóxica e a protección do medio ambiente.

Tampouco se pode ignorar que galardoes como Mellores Queixos supoñen un recoñecemento de calidade e un prestixio non só entre os profesionais do sector, senón tamén de face ao consumidor en xeral.

Outros galardoados
A Quesería Catadoiro recibiu o premio nun acto no que outras empresas obtiveron galardóns semellantes noutras categorías. Entre eles atopábase outro galego, Alimentos Ruta Xacobea, do Pino, na Coruña, que recibiu o premio ao mellor de pasta branda. Tamén foron premiados outros queixos de Valencia, Toledo, Cantabria, Cadiz e Huesca.

Maeloc, a nova sidra seca feita en Chantada
A planta que a empresa coruñesa Hijos de Rivera ten en Chantada continúa co seu labor de innovación. Entre as novidades que se presentan esta semana na feira Alimentaria de Barcelona, a firma dá a coñecer unha nova especialidade baixo a referencia Maeloc, unha sidra seca, coñecida tamén por Dry Cider ou Cidre Brutt. É unha sidra menos doce e pensada para tomar con xeo.

O novo produto, segundo a firma, simboliza o arraigamento da cultura da sidra e o cultivo da mazá no mundo celta. Preséntase en botella de aluminio de 33 centilitros, con tapón abre fácil, e cuberto cun ‘sleeve' transparente.

Hijos de Rivera tamén presenta en Alimentaria unha cervexa Estrela Galicia edición especial Xacobeo.

Comentarios