Raisin d'Or firma con Enerdrinks un acordo de distribución do seu viño sen alcol, Élivo

O convenio asinouse este luns nas instalacións da empresa Raisin d'Or en Boqueixón entre esta empresa e a multinacional compostelá Enerdrinks. Neste acordo Raisin d'Or cede todos os dereitos de distribución dos seus viños sen alcol Élivo para todo o territorio nacional a esta empresa, que utilizará as súas xa consolidadas redes comerciais como canle de introdución deste novo produto en toda España.
 
O acordo estenderase durante cinco anos e o número de botellas que Enerdrinks distribuirá cada ano ascende a un millón de unidades. É unha cifra moi importante para un produto novo, pero a aceptación que desde a súa presentación está a ter este ''viño'' -máis de 20.000 botellas en tan só unha semana en Galicia que vendeu directamente Raisin d'Or- fan que nas  previsións da empresa  póidase chegar a esta cifra, e incluso superala.

As negociacións entre estas dúas empresas comezaron a xestarse no Fórum Gastronómico 2010, un dos trampolíns de lanzamento deste produto xunto con Alimentaria (feira tras a cal se fixeron numerosos contactos a nivel internacional), e pecháronse a semana pasada.

Raisin d'Or conta cun total de sete marcas diferentes de viño: Zero Zero Deluxe (branco e tinto); Zero Zero (branco e tinto); Espumoso (branco) e Quattro (branco e tinto). Este último diferénciase dos anteriores en que ten catro graos de alcol. A elaboración destes caldos conséguese a través do desalcoholizado de viños de calidade mediante incrementos de temperatura e presión controlados. Este sistema permite que non se alteren as características do produto de orixe resultando, igualmente, beneficioso para a saúde, pero eliminando o compoñente que causaba a toxicidade, o alcol.

Comentarios