Regreso ao mercado local

O mercado local do produto fresco e de calidade que chega cada mañá da contorna da cidade case o abandonamos. Impuxéronse as superficies comerciais con todo envasado e cunha falsa concepción da hixiene e a sanidade alimentaria. Son comparables as pesticidas ou as mazás recollidas da árbore na anoitecida para levar nunha cesta ao día seguinte ao mercado? Esas vellas "prazas de abastos" de Lugo ou Santiago son a referencia, aínda que non alcanzasen a variedade dos mercados que un descubriu logo polo mundo.

Desde a variedade de froitas e verduras no mercado matutino ao pé do metro da estación de Bir-Hakeim, naqueles anos novos de París, á riqueza cromática dos postos nas rúas de Palermo, a limpeza, pluralidade e referencias de calidade en Zweibrücken ou Lausanne. Tamén dos anos novos, reencontrados e estrañados repetidamente despois. Son recordos de cor e cheiro.

A relectura de Encontros "con sabor", de Alain Ducasse, fíxome regresar ao mercado de trufas e aves de Périgueux, onde chegamos a primeira vez nunha longa excursión por Europa que xustificaba a busca das árbores nobres, aínda que sempre acababamos en barrios e locais de luz e cor nas noites das cidades francesas, holandesas, alemás, suecas ou danesas. Pouca alegría nas dúas últimas.

Nesa peregrinación recalamos en Périgueux. Acababa de empezar o outono e abríase o mercado da praza de Saint-Louis, no corazón da zona vella. Hai que madrugar para chegar ao mercado-concurso.  Aquí, en Périguex, está unha das basílicas máis antigas de Francia, de arte bizantino. Estamos practicamente no suroeste de Francia, a un paso da fronteira española, nun territorio para saber algo de foi-gras, de ''patissier'', o especialista en patés do Perigord, de ''aiguillettes'', de magret... é o terreo da trufa negra, ese ben que nos levou ao mercado de Périgueux e do que logo nos deron longas explicacións no campo.

Creo que que é unha rexión exemplar como referente de calidade de vida, tradición e asentamento poboacional. Pero a cuestión era volver sobre esas prazas, sobre eses mercados, aos que acudir cada mañá, que aseguren o produto fresco, cultivado ou criado no respecto e a tradición. Son, eses mercados de proximidade, a vía para romper o escándalo dos intermediarios entre o produtor e o consumidor, para trocear o case monopolio da distribución alimentaria, para asegurar economicamente ao pequeno e mediano produtor campesiño das contornas urbanas.

Teño noticia de que a praza de Santiago revive e renóvase, que sucede o mesmo coa de Lugo na Coruña, que está activa a de Lugo. Pero estes espazos nosos están excesivamente concentrados en peixes e carnes. Falta o colorido de Bir-Hakeim, a oferta por calidades de Suíza.

Comentarios