Saborea As Pontes reparte máis de 27.000 tapas e uns 2.000 cócteles

A sexta edición do concurso Saborea As Pontes repartiu en dez días de certame un total de 27.155 tapas, o que supón un novo éxito de participación, xa que se repartiron 6.500 máis que en 2013. No concurso de cócteles e combinados, que se organizou este ano por primeira vez para dinamizar a hostalería nocturna, tamén se alcanzou un gran resultado, cun total de 2.069 propostas servidas durante catro xornadas.

Membros do Concello e do xurado profesional participaron onte na entrega de premios do concurso, no que participaron este ano un total de 29 establecementos. Nesta edición, o café bar Trastoy 3 conseguiu coa súa proposta -unha tosta de cogomelos e carne ibérica- o galardón do público, ao alcanzar o 11% dos votos das 1.057 papeletas recolleitas.

O premio do xurado profesional —conformado por Luís Otero, presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes das Pontes; María Martínez, de Amas de Casa, e Manuel Ferreira, da Casa do Mel— foi nesta ocasión para o Tres Pontes, que presentou unha tapa de solombo.

Este ano, ademais, entregouse un premio honorífico, elixido por Yayo Daporta, o cociñeiro e membro do xurado do programa televisivo Top Chef, que foi para a tapa do Hotel Pontes do Eume, que levaba berenxenas con melaza de cana e quinoa. Entre os doce cócteles presentados a concurso, o vencedor foi a proposta do bar Marbella, elaborada con mouras. Obtivo o 29% dos votos das 71 papeletas validadas.

A edil de industria, comercio e hostalería das Pontes, Montserrat García, agradeceu o gran respaldo dos veciños a este certame e recalcou o importante traballo e esforzo dos hostaleiros. Durante o acto tamén se entregou a televisión que se sorteaba coas papeletas a José Ballesteros Landázuri.

Comentarios