Seis negocios de Samos participarán os días 16 e 17 no concurso Ir de Tapeo

Seis establecementos do concello de Samos participarán os días 16 e 17 de novembro no concurso Ir de Tapeo, organizado pola Asociación de Comerciantes e Artesáns do municipio.

O certame conta con dúas categorías, prato tradicional e innovador, que os clientes poderán degustar de 12.00 a 15.30 e de 19.00 a 23.00 horas a un prezo que vai entre os 0,20 e os 2 euros.

Os negocios participantes no concurso son: mesón Pontenova, cantina de Frollais, hotel A Veiga, bar Abadía, hostal Victoria e bar-restaurante Albaroque.

Os clientes serán os encargados de elixir os mellores pratos. Para poder depositar o seu voto nas urnas habilitadas nos negocios deberán visitar polo menos catro establecementos.

Entre as persoas que voten sortearase unha cea para dúas nun local de Samos doada por mesón Pontenova, hostal Victoria e hotel A Veiga, informou o presidente da Asociación de Comerciantes, José Fernández.

Esta será a terceira edición do concurso de tapas de Samos, que se celebrou nos meses de decembro e marzo con gran afluencia de público. O certame creouse co obxectivo de dinamizar a hostalería e atraer visitantes ao municipio.

Comentarios