Sidrería Galega saca ao mercado desde Chantada tinto de verán e sangría

Sidrería Galega, integrada no grupo coruñés Fillos de Rivera, decidiu empezar coa  produción de novas bebidas nas que se inclúen o tinto de verán e a sangría.

Lerele é o nome comercial das dúas novas bebidas que o pasado luns deu a coñecer a empresa, única produtora de sidra na comunidade galega en diferentes elaboracións baixo a marca Manzanova. Tamén na factoría chantadina elabórase o mosto Zuvit.

O tinto de verán e a sangría Lerele preséntanse en envases de 33 centilitros caracterizados polo seu deseño fresco, atrevido e orixinal. O seu contido alcohólico é do 7% en volume no caso da sangría e dun 4,5%  para o tinto de verán.

Sidrería Galega evitou dar detalles sobre se esta nova liña de produción implicará a creación de novos postos de traballo ou a ampliación das instalacións coas que contan no polígono da vila da Asma, xa que dependerá da resposta do mercado, onde se colocará en todos os puntos de venda cos que conta na actualidade Fillos de Rivera a nivel nacional e internacional.

O obxectivo é conquistar novos nichos de mercado con produtos de tempada idóneos para o verán e para as zonas de clima máis cálido como os países mediterráneos e latinos en xeral.

Con esta iniciativa, Sidrería Galega e Fillos de Rivera pretenden reforzar a súa actividade en Chantada e consolidar a empresa na zona.

A firma engadiu que, como nas demais elaboracións, tanto no tinto de verán como na sidra, apóstase pola calidade. Ambas están feitas a partir da maceración dun viño novo de alta calidade con extractos naturais de laranxa e limón para darlle un sabor afrutado e doce.

Comentarios