Tapas con premio para dinamizar a hostalería fronte a crise

Tapéate Ferrol, é o nome da última iniciativa impulsada desde a Concellaría de Turismo de Ferrol para dinamizar a hostalería local con premios para os clientes que busca, a base de petiscos e tapas, facer fronte aos "efectos negativos da crise.

O alcalde, José Manuel Rey, e o edil de Turismo, Diego Calvo, presentaron esta mañá a iniciativa xunto ao presidente da Asociación de Hostaleiros da comarca, Alfonso González Pendás.

Desenvolverase do 1 ao 24 de marzo, do xoves ao domingo, coincidindo coa celebración da Semana Santa ferrolá, Festa de Interese Turístico Nacional desde 1995, e está aberta á participación de todo tipo de locais, desde cafés a mesóns do centro e os barrios de Canido, Ultramar, Ferrol Vello ou Ensanche.

Os hostaleiros ofertan unha tapa orixinal por 2 euros, sen incluír a bebida, e un xurado especializado en gastronomía decidirá o primeiro premio entre as dez mellores con premios de 600, 300 e 200 euros para os tres primeiros.

Os clientes que participen na ruta de tapas ferrolá entrarán no sorteo de varias actividades turísticas pola comarca como unha noite nun hotel rural de Monfero con paseo en bicicleta polas Fragas do Eume ou unha ruta polos cantís de Ortigueira con paseo en kaiak pola ría do Barqueiro.

Comentarios