Tenreira galega, desde Lugo para o mundo

Imágenes de varios despieces de Ternera Gallega (Fotos: Medio Rural)
photo_camera Imágenes de varios despieces de Ternera Gallega (Fotos: Medio Rural)

A sociedade Friarte, formada polo matadoiro Frilea –con sede no municipio lucense de Castro de Rei- e Artesáns Gandeiros –integrada por dez cooperativas agropecuarias, a maioría de Lugo-, envía cada mes uns 3.500 quilos de carne de tenreira envasada ao baleiro ao archipielago canario e ás Illas Baleares, segundo datos facilitados pola dirección da empresa, durante a visita que realizou o delegado da Consellería do Medio Rural, Emilio López Pérez, ás súas instalacións.

O matadoiro e a sala de despezamento de Friarte moven cada día unhas 60 canles, procedentes das cooperativas asociadas. A maior parte da carne que produce esta sociedade comercialízase en Galicia, aínda que a empresa logrou establecer unha importante rede de distribución por todo o país desde que comezou a funcionar, hai medio ano.

Calidade
Esta sociedade traballa exclusivamente con carne amparada pola denominación Tenreira Galega e está especializada na calidade Suprema, segundo explicou Emilio López. Nas instalacións de Friarte realízase o despezamento das canles, de forma que o produto comercialízase en fresco ou en bandexas, dacordo coas necesidades dos clientes.

Para enviar carne ás illas, a empresa envasa os produtos ao baleiro, de forma que manteñen todas as súas propiedades ata chegar ao lugar de orixe. Unha das responsables da dirección de Friarte, Mayte Lamela, confirmou que cada mes se comercializan en distintos puntos de venda uns 1.000 quilos en Canarias e uns 2.500 nas Baleares.

Valor engadido
López Pérez destacou “a boa marcha deste proxecto empresarial”, porque permitiu xerar “un valor engadido” á produción das cooperativas agropecuarias galegas, de forma que incrementaron os seus beneficios e liberáronse, en certa medida, das marxes comerciais que manexan os intermediarios.

Así mesmo, confirmou que a sociedade xa dispón de terreos anexos ás súas actuais instalacións, polo que, se se manteñen os bos resultados empresariais, non é descartable unha ampliación a medio prazo.

Comentarios