Terras Gauda prevé facturar un 15% máis este exercicio

O Grupo Terras Gauda prevé un crecemento do 15 % na súa facturación neste exercicio, no que alcanzará unha cifra de negocio de 10,9 millóns de euros -en 2012 foi de 9,5 millóns-, segundo avanzou hoxe nun comunicado.

A adega, que constata esta vendima "unha colleita de excelente calidade pola boa maduración e acidez axustada, extraendo o potencial das variedades autóctonas coa aplicación dos proxectos de I+D+i", comercializa 1,5 millóns de botellas anuais de Terras Gauda, Terras Gauda etiqueta negra, Abadía de San Campio e A Mar, en todo o territorio nacional e en máis de 50 mercados.

En concreto, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, México, Noruega, Alemaña e Holanda son os principais destinos dos seus viños no exterior, precisou no mesmo comunicado.

Por outra banda, a firma aumentou as exportacións a Europa, Asia e América, á vez que destacou especialmente a consolidación do seu posicionamento en Alemaña, México, Emiratos Árabes e Xapón.

Austria e Romanía son novos mercados europeos desde 2012, exercicio no que logrou incluír Terras Gauda na selección do Monopolio de Suecia (System Bolaget) para a súa venda neste país. Uruguai é o mercado latinoamericano que sumou o exercicio pasado.

Comentarios