Un restaurante de Monforte elabora un menú inspirado na curtametraxe 'Deil'

O restaurante Manuel Bistró de Monforte acollerá, o día 29 deste mes ás 21.00 horas, unha «presentación organopoléptica» dunha curtametraxe. A iniciativa, completamente innovadora, consiste en transmitir a través dun menú as claves para entender unha obra cinematográfica, neste caso interpretarase con diversos alimentos a curtametraxe ‘Deil' do produtor monfortino Iván Patiño.

A obra, que esta gravada nunha casa de Vilaoscura, en Sober, encádrase dentro do xénero do terror e aborda unha serie de sucesos que teñen como protagonistas un paciente e un facultativo dun centro de saúde mental.

O menú que se poderá degustar no Bistró terá un custo de 15 euros e está deseñado polo propietario e chef do restaurante, Manuel Fernández, e polo propio produtor da curta. Fai varias chiscadelas aos lugares nos que se desenvolve a trama, a través de pratos emblemáticos de cada unha desas localizacións, tamén reflicte algún trazo ou algún gusto relacionado coas preferencias que os protagonistas deixan ver ao longo do curto e xoga ademais co factor sorpresa nos ingredientes que inclúen os pratos. A iniciativa xa espertou moita expectación, por unha banda porque a curtametraxe compite por un dos grandes premios do festival de cine de Xixón, que se inaugura hoxe e prolongarase durante nove días. Pero ademais, a interpretación a través dun menú dunha obra cinematográfica é case descoñecida no noso país e por iso hai especialistas do sector cinematográfico ou dos propios medios de comunicación moi interesados.

Uns pratos para espertar as capacidades sensoriais

O menú inspirado en 'Deil ‘está composto por cinco pratos, con sobremesas incluídas. Para abrir boca expón unha combinación innovadora de vieiras, xamón e rosca de Sober. A idea é fusionar dun xeito novo sabores de Santiago e Sober, os dous sitios nos que se desenvolve a trama. O segundo prato ten como basee o peixe elaborado de xeito moi tradicional pero que inclúe un ingrediente sorpresa relacionado co protagonista da curtametraxe. O eixo do terceiro prato será a presentación e o ingrediente principal será o pito, un alimento que aparece reflectido na obra. En cuarto lugar Iván Patiño e Manuel Fernández gardan unha sorpresa, algo que «xoga co engano», e o menú pecharase cunha sobremesa inspirada no final da curta.

Comentarios