Un viño de Ribeira Sacra cóase na final do certame Nariz de Ouro

Yravedra presentó los Vel'Uveyra recientemente en el centro del vino de Monforte (Foto: TOÑO PARGA)
photo_camera Yravedra presentó los Vel'Uveyra recientemente en el centro del vino de Monforte (Foto: TOÑO PARGA)

A adega Ronsel do Sil, situada en Parada do Sil, creouse recentemente baixo o paraugas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Naceu en 2010, pero xa conta cunha traxectoria reseñable. Un dos seus últimos logros está vinculado ao prestixioso premio Nariz de Ouro. O seu mencía Vel'Uveyra 2012 é o único Ribeira Sacra que estará en xuño na final do certame xunto a viños de toda España. Algúns dos seus competidores xa saíron das preseleccións realizadas en Santiago, Valencia e Bilbao. O resto daranse a coñecer nas próximas semanas en probas que se disputarán en Barcelona, Madrid e Málaga.

O premio Nariz de Ouro ten dous apartados. Nun, o Nariz de Ouro propiamente dito, caracterizado polas súas copas negras, escóllese o mellor catador do ano. Na proba zonal de Santiago pasaron á final Óscar Quintana, do Parador de Turismo de León; Eva Pizarro, do restaurante Acio de Compostela, e José Luís Aragunde da Vinoteca Ribeira Fefiñáns, de Cambados. Éstos veranse cos seleccionados das outras áreas xeográficas na final de Madrid, en xuño.

Pero o premio tamén inclúe un apartado denominado Os Mellores Viños de España, no que compiten os caldos. O único Ribeira Sacra seleccionado en Santiago que estará na final será o mencía Vel'Uveyra de Ronsel do Sil, que competirá na categoría de tintos con menos de nove meses de crianza.

Explica María José Yravedra, arquitecta de profesión e impulsora de Ronsel do Sil xunto a Felipe Pérez-Somarria e Jesús Olivares, que a aposta da súa adega é facer viños onde a calidade e o prezo vaian da man e non superen os dez euros na venda ao público.

Outra dos seus acenos de identidade é o respecto ao terruño. A adega comercializa as marcas Vel'Uveyra, Ourive, Alpendre e Arpegio e en todas elas perséguese a singularidade dos caldos. O seu mencía Vel'Uveyra 2011 levou a medalla de ouro do Cervim no 2013 e o premio á excelencia ao mellor viño de España producido en alta montaña dese mesmo certame. Ademais, o godello Ourive, do que os expertos destacan a súa personalidade, tamén foi medalla de ouro no Catavinum World Wine 2013.

Un dos proxectos de Ronsel do Sil máis destacados polos expertos é o merenzao Alpendre. A adega, como tamén fan outras da denominación Ribeira Sacra como Ponte da Boga ou Algueira, aposta pola variedade merenzao, considerada unha antecesora da mencía e que garda semellanza coa pinot noir dos Borgoña. Alpendre é un monovarietal de merenzao do que Yravedra destaca a súa cor, a súa suavidade, a súa diferenza sobre outros viños do mercado e a súa identificación con Galicia.

Como arquitecta, Yravedra estivo vinculada á construción de varias adegas catalás. Ademais, é filla de Gabriel Yravedra, un dos impulsores das denominacións de orixe españolas, aí naceu a súa paixón polo sector.

DIFUSIÓN
Máis de 2.000 noticias do sector

Os viños galegos protagonizaron no ano 2013 máis de 2.000 noticias en prensa diaria e revistas e chegaron a 381 millóns de lectores. Os caldos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra ocupan o segundo lugar en canto a difusión dentro de todas as denominacións galegas. Segundo un estudo do Consultora Castro Galiana, as noticias sobre viños ou adegas do D.O. Rías Baixas chegaron a 196,3 millóns de lectores e as vinculadas á Ribeira Sacra a 69,3 millóns de lectores. Por detrás quedaron O Ribeiro, con 48 millóns, Valdeorras con 42,3 e Monterrei con 26 millóns. Dentro da Ribeira Sacra fixéronse referencias en prensa e revistas a un total de 32 adegas e a 63 viños.

Nacional

O estudo destaca que mentres a presenza na prensa que se edita en Galicia é moi alta, fóra da comunidade é moito menor. A consultora tamén detalla que o perfil das publicacións que se fixan no sector é moi variado, desde prensa especializada á xeneralista.

Comentarios