Unha persoa ferida tras envorcar o coche no que viaxaba en Muxía

O condutor tivo que ser excarcerado ► Outra persoa sufriu lesións nun accidente de tráfico en Amoeiro

Os Bombeiros de Cee liberaron este domingo a un condutor atrapado no interior do seu vehículo, no concello de Muxía, segundo informou o 112.

Testemuñas que presenciaron o accidente indicaron ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia (CIAE) que, o coche, tras dar varias voltas de campá envorcou totalmente na cuneta. Ademais botaba fume pero non ardía.

Foron varios os particulares que, sobre as 13.30 horas, alertaron ao CIAE dun coche envorcado e con posibles atrapados, á altura do cruzamento de Salgueira, no lugar de Caberta. A partir de aí, desde o CIAE púxose en marcha un operativo no que participaron ademais dos Bombeiros e o servizo do 061-Urxencias Sanitarias, os axentes de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez excarcerado o condutor, os membros do parque comarcal confirmaron que o ferido foi trasladado ao centro hospitalario de referencia polo persoal sanitario. Polo seu contra, eles continuaban no punto á espera da chegada dun guindastre para a retirada do turismo.

AMOEIRO. Así mesmo, no concello ourensán de Amoeiro, á primeira hora deste domingo —sobre as 08.00—, un turismo que circulaba á altura de Madrosende impactou contra un poste da luz e o seu ocupante resultou ferido.

O 112 Galicia informou os servizos sanitarios e aos Bombeiros do Carballiño. Tamén solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e de Protección Civil de Amoeiro.

Debido ao impacto, o poste e cables da luz quedaron tirados no chan, polo que, o persoal da compañía subministradora de electricidade tamén foi informado polo 112 Galicia.

Comentarios