Vinte estudantes galegos reciben o premio Extraordinario da Eso

Cada recoñecemento está dotado cunha contía de 750 euros e figura no seu expediente académico

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñeceu a vinte alumnos galegos cos Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (Eso) ao rendemento académico correspondentes ao curso 2016/17.

A través dun comunicado, a Consellería explica que estes galardóns supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, a educación secundaria obrigatoria no sistema educativo galego.

Os premiados obtiveron unha medida das cualificacións en todas as materias dos catro cursos "igual ou superior a 9" e deles, "o trinta por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10; o 45 por cento entre 9,5 e 9,75 e o vinte e cinco por cento restante, entre 9,25 e 9,5". Cada premio está dotado cunha contía de 750 euros e figura no seu expediente académico ademais de darlles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.

Entre eles hai dous alumnos da provincia de Ourense: Andrea Rojas, do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense); e Fernando Apolinar, do CPR Plurilingüe Santo Ángel (Ourense).

Cinco son da Coruña: Alejandra Calvo, do IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela); Miguel Serra, do IES Salvador de Madariaga (A Coruña); Tomás Alcalde e Mario Padrón, do CPR Manuel Peleteiro (Santiago); e María Gálvez, do CPR Eirís (A Coruña).

Hai nove máis de Pontevedra: Rosa do Carme Araújo e Ada Freire, ambas do IES Valle Inclán na capital; Laura Portela, do IES Pedro Floriani (Redondela); Yolanda Rodríguez, do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa); e Roberto Tato, do CPR Plurilingüe La Inmaculada (Marín). Da cidade de Vigo son Ismael Aguirre, do IES San Tomé de Freixeiro; Claudia Álvarez, do IES Carlos Casares; Juan Bas, do CPR Plurilingüe Montecastelo; e Javier Polo, do CPR Plurilingüe Compañía de María Vigo.

A lista incorpora a outros catro alumnos de Lugo: Manuel Francisco Lamela, do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba); Andrés Vázquez, do IES Lama das Quendas (Chantada); e da capital de provincia Sofía Santos, do IES Lucus Augusti, e Alejandra López, do CPR Plurilingüe Divina Pastora.

Comentarios