Xurxo Lobato estrea exposición en honra da denominación de orixe Rías Baixas

A exposición Rías Baixas, o viño do mar, composta por 70 imaxes do fotógrafo Xurxo Lobato sobre o mundo do viño, celebra o 25 aniversario da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O presidente do Consello do D. O Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, inaugurou esta noite a mostra na sede da Fundación Novacaixagalicia da Coruña, onde permanecerá ata o próximo 14 de setembro.

"Rías Baixas, o viño do mar é un achegamento ao mundo do viño da Denominación de Orixe Rías Baixas a través do obxectivo dun dos grandes fotógrafos de Galicia", afirmou Gil de Araujo.

"Esta exposición soubo recoller a alma do viño, a esencia de Rías Baixas. O traballo, a dedicación, o esforzo de todos os que conformamos a Denominación de Orixe Rías Baixas están presentes nestas imaxes, polo que é a nosa mellor carta de presentación", engadiu.

O fotógrafo Xurxo Lobato explicou que con este traballo quixo facer unha crónica visual, unha homenaxe ao viño namorado do mar. Quixen que se entendese o viño como un produto máis do noso patrimonio e ligado a outros patrimonios".

"Cando bebemos viño Rías Baixas estamos a consumir o sabor dun territorio, dunha paisaxe, dunha historia... é unha forma de entender a vida", remarcou.

A exposición está baseada nun libro do mesmo título publicado hai uns meses para conmemorar o 25 aniversario do nacemento da Denominación de Orixe.

Comentarios