Ausolan tamén renunciará á concesión dos comedores de Santiago

O Concello informou que se abrirá un proceso negociado urxente para atopar unha nova adxudicataria, que se resolverá no palzo de dúas semanas

A empresa que quedaba para resolver o proceso de adxudicación de comedores escolares de Santiago, a vasca Ausolan, renunciará ao contrato de concesión do servizo. Co fin de resolver o proceso, o Goberno local de Compostela informou que se abrirá un proceso negociado sen publicidade pola vía de urxencia, cuxa resolución se realizará no prazo de dúas semanas.

Ausolan quedou de segunda na valoración das entidades que concorreron ao proceso negociado para a adxudicación do servizo, detrás da boirense Chicolino, que quedou fóra da adxudicación por cuestións administrativas. Os responsables comunicaron a súa decisión de renuncia durante a tarde deste luns a través de correo electrónico, aínda que non se formalizou de modo "oficial".

A pesar desta situación, o Concello de Santiago garantiu que o servizo "continuará con absoluta normalidade" nos centros educativos mentres non se resolva o proceso. Este luns tamén se celebrou un encontro con traballadores de Serunión, a empresa que actualmente mantén prorrogado o servizo e na que, dixo Martiño Noriega, escóitanse as demandas dos empregados.

O rexedor volveu a destacar a "boa predisposición" da empresa a seguir prestando o servizo mentres non se resolve o proceso. Doutra banda, o executivo aproveitará estes meses para redactar un novo prego de condicións e convocar novamente o concurso para a concesión do servizo, coa a intención de sacar adiante o proceso en permanente diálogo coas Ampas e a comunidade educativa.

Comentarios