Desviado a Santiago un voo de Estocolmo a Tenerife tras sentirse indisposto un pasaxeiro

O avión de TuiFly Nordi retoumou a viaxe logo de que o enfermo fose trasladado ao Chus ao redor da unha do mediodía deste domingo

Un avión da aerolínea TuiFly Nordic, que voaba entre Estocolmo e Tenerife Sur, tivo que ser desviado de urxencia a Santiago de Compostela na mañá deste domingo tras a indisposición dun dos seus pasaxeiros.

Segundo informa o Aeronoticiario SCQ, cando a nave sobrevoaba xa Galicia, o comandante á fronte do voo comunicou por radio ao centro de navegación aérea de Santiago a necesidade de realizar unha aterraxe de urxencia para ofrecer asistencia sanitaria ao pasaxeiro en cuestión.

Tras iso, ás 12.42 horas tomou terra no aeroporto de Lavacolla o avión 737-800, onde esperaban os servizos médicos cunha ambulancia para trasladar ao pasaxeiro ata o Hospital Clínico Universitario de Santiago, tal e como indicou o Aeronoticiario.

Pola súa banda, fontes de Aena explicaron a Europa Press que, unha vez evacuado o viaxeiro, o avión retomou a súa ruta cara a Tenerife Sur.

Comentarios