A Fiscalía pide seis anos de prisión para un home por morder a outro no nariz

Está acusado de arrincar parte do órgano a un home durante unha pelexa en Santiago

A Fiscalía pide seis anos de prisión para un home que será xulgado o vindeiro xoves na Sección 6ª da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acusado de arrincar durante unha rifa parte do nariz a outro home durante unha pelexa. 

Segundo sinala o escrito de acusación, o acusado J.C.A.M., o 23 de setembro de 2014, sobre as 01.20 horas, estableceu unha discusión con M.K., no curso da cal, o primeiro, "con intención de menoscabar a integridade física, dálle unha forte dentada no nariz, arrincándolle un anaco e cuspíndoa ao chan, así como diversos golpes". 

Como consecuencia destes feitos o prexudicado sufriu unha ferida na punta nasal con perda de sustancia pola mordedura e requiriu tratamento médico e cirúrxico, consistente en: reconstrución nasal, tratamento sintomático e profiláctico. Tardou en curar 357 días e estivo hospitalizado 22 días. 

Os feitos son constitutivos dun delito de lesións, previsto e penado no artigo 147 e 150 do Código Penal, e por iso, a Fiscalía reclama a pena de prisión 6 anos coa inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena. 

Ademais, esixe que o acusado indemnice ao prexudicado con 13.830 euros polas lesións causadas. 

O acusado xa contaba con antecedentes penais por feitos similares, xa que fora condenado por un delito de lesións mediante sentenza firme en máis dunha ocasión.

Comentarios