Novo modelo para o refuxio de Bando

A Fundación abre un período de tres meses para recibir propostas para modernizar a xestión das instalacións e conseguir máis fondos

O padroado da Fundación Refuxio de Animais acordou un novo modelo de funcionamento para as instalacións de Bando e abriu un período máximo de tres meses para achegar propostas, informou hoxe o Concello de Santiago.

Na reunión celebrada, os integrantes do organismo coincidiron en que o funcionamento é mellorable e en que o actual modelo de xestión está caduco, á parte de pór de manifesto a necesidade de conseguir fondos, máis aló das achegas dos municipios.

A concelleira de Benestar Animal en Compostela, Noa Morales, explicou que este ano o Concello achega un total de 170.000 euros, 35.000 máis que o pasado; Teo, 30.000, e Vedra 8.000 euros, mentres que a Deputación da Coruña colabora con 28.000. A edil expresou que entende que son necesarias máis axudas e tamén do sector privado.

O padroado aprobou, así mesmo, o desestimiento do contrato de alta dirección da actual directora e hai un período de tres meses para relevala.

Comentarios