O esqueleto de Atacama era o dun bebé con estrañas mutacións

Expertos das universidades de Stanford e San Francisco conclúen que "sen dúbida" é humano

O coñecido como "esqueleto de Atacama" foi durante tempo un misterio, tanto que algúns creron ver nel os restos dun ser extraterrestre, pero é en realidade a momia dunha nena nacida con raras mutacións xenéticas, segundo aclara o estudo do seu ADN realizado pola Universidade de Standford.

O esqueleto, ao que se coñece co nome de 'Ata' e foi descuberto nunha bolsa de pel abandonada tras unha igrexa no chileno deserto de Atacama, ten apenas 15 centímetros de longo, coa cabeza en forma de cono, 10 pares de costelas e ósos que se asemellan aos dun neno de oito anos", sinala un comunicado.

O esqueleto chego ao mercado negro de achados arqueolóxicos e posteriormente acabou en mans dun coleccionista en España que pensou que poderían ser os restos dun ser extraterrestre.

Expertos da Universidade de Stanford e de San Francisco (EE UU) analizaron o ADN do esqueleto, o cal "probou, máis aló de calquera dúbida, que é humano", segundo un estudo que publica este xoves Genome Research.

Ata ten o ADN dunha humana moderna coa mestura de marcadores ancestrais de nativos americanos e europeos que "un esperaría que tivese alguén que vivía cerca do sitio onde foi atopada", agrega a nota.

Lonxe de ser unha visitante doutro planeta, "o xenoma de Ata marcouna como suramericana, con variacións xenéticas que a identificaron como da rexión andina habitada polos indios chilotes", sinalou nun comunicado o profesor de microbiología da Universidade de Stanford Garry Nolan.

Ata, segundo consideran os expertos, debeu de nacer morta ou falecer pouco despois do nacemento e polo estado no que se atopan os ósos "probablemente" non fai máis de 40 anos.

A súa "rechamante" aparencia, á que os científicos ser refiren como fenonipo, pode explicarse "con moita probabilidade" por un puñado de raras mutacións xenéticas, algunhas xa coñecidas e outras recentemente descubertas, que están vinculadas co enanismo e outros trastornos do crecemento e dos ósos.

Os resultados do ADN non só pon "fin á fábula sobre as orixes extraterrestres de Ata", senón que ademais ilustra ata que punto os datos xenéticos de código aberto permitiu determinar con precisión o "puñado de xenes mutados" que probablemente se asociaron de forma inusual no corpo de Ata.

A análise científica de Ata comezou en 2012, despois de que Nolan recibise a chamada dun amigo que lle dicía que "podería descubrir un alieníxena".

O experto cre que unha investigación máis profunda sobre o envellecemento óseo precoz de Ata podería beneficiar un día aos pacientes.

"Talvez haxa un xeito de acelerar o crecemento óseo de persoas que o necesitan, xente que teñen malas fracturas" de ósos, dixo o científico, quen aseguro que nunca antes se viu nada como isto. Desde logo, ninguén investigara a súa xenética".

Pero ademais, Nolan espera que "algún día a pequena Ata teña un enterro adecuado", á vez que indica que ao seu xuízo ese esqueleto "debería de ser devolto ao país de orixe e enterrado segundo os costumes da poboación local".

Comentarios