"A gaita é máxica, vin chorar xente de todo o mundo con só escoitala"

Susana Seivane é toda unha institución en Galicia. ► Este sábado ás 20 horas chega a O Pino para facer unha viaxe polos seus discos e en especial o último, xestado durante o confinamento
Susana Seivane. MIGUEL VIDAL
photo_camera Susana Seivane. MIGUEL VIDAL

Di que naceu con dúas pernas, dous brazos e unha gaita, e é que Susana Seivane leva toda a vida despertando as emocións do público co son da súa gaita. Cunha familia de tradición gaiteira, esta catalá de nacemento pero galega de corazón leva a música no sangue. Agora presenta o seu sexto disco, unha volta ás orixes que xurdiu desde o balcón da súa casa nas noites do confinamento.

Dise que Susana Seivane naceu cunha gaita debaixo do brazo. É isto certo?

(Risas). Eu en vez de pan trouxen a gaita. Sempre digo que nacín con dúas mans, dúas pernas e unha gaita. É algo que desde pequena o levei no sangue, por iso e porque tiña moi bo oído musical comecei a tocala cunha idade temperá, con só tres aniños. A miña familia desde o ano 1936 é construtora de gaitas e sempre me vin moi vencellada a elas desde cativa.

O seu sobriño segue agora os seus pasos...

Efectivamente. Brais comezou á mesma idade ca min, con só tres anos. Isto é algo bastante inusual,
sobre todo cun instrumento como a gaita. Recordo que cando eu era pequena tiveron que facerme unha a medida para poder tocala porque senón non lle chegaba aos buracos cos dediños. Hoxe en día hai máis facilidades porque grazas a moitos anos de investigación fanse gaitas de menor tamaño.

Gustaríalle que seus fillos Fiz e Antón seguiran coa tradición?

Claro. Os meus nenos son aínda pequenos con 7 e 5 anos, pero xa lle van dando á percusión. Porén,
aínda non teñen a paciencia necesaria para poñerse a aprender. Eu o que intento inculcarlles a todos os que comezan é que todo esforzo ten a súa recompensa e teño unha frase que sempre digo: "O éxito só está antes do traballo no dicionario". 

Toca o piano, a percusión... Por que é tan especial a gaita?

Cando comecei a estudar música no conservatorio de Barcelona collín o piano, e gústame moito, pero a gaita é única. Ten unha vibración cando a estás tocando que che remexe moito máis por dentro que calquera outro instrumento. De feito eu, que andiven viaxando moito, teño visto xente de distintos países do mundo que nada teñen que ver con Galicia e escoitan unha gaita e póñense a chorar da emoción. Penso que é un instrumento máxico, cun son único e especial.

As gaitas Seivane son unha institución grazas a seu avó Xosé Manuel. Que recordos ten del?

Hai sete anos que nos deixou e témolo moi presente. Foi un dos meus grandes referentes. Sempre me fixaba no seu estilo, no aire que lle daba ás pezas, os adornos que facía... Levaba no sangue a nosa cultura sempre elevándoa ao máximo, e amaba a música. Recordo que súa nai, miña bisavoa Estrela, era unha muller moi comprometida co folclore galego. Ela cantaba pezas e meu avó compoñía a música na gaita.

Pódese dicir que é catalá de nacemento pero galega de corazón?

Eu de catalá teño pouco, nacín alí por accidente. Miña familia paterna é de Ribeira de Piquín e a materna andaluza. Emigraron a Barcelona e alí tivéronme e cando tiña dez anos xa viñemos vivir a Cambre. Eu son galega ao 100%.

Os membros de Milladoiro foron os seus padriños musicais. De que xeito influíron na súa música?

Cando era pequena escoitaba música de todo tipo: Michael Jackson, Madonna... E tamén grupos como Treixadura, Fuxan os Ventos e, por suposto, Milladoiro, que é unha institución no noso país. Encantábame esa fusión de gaita con sons non tradicionais. É un grupo que creou escola, todos os
gaiteiros aprendemos escoitando Milladoiro. Aparte son os meus padriños musicais desde que me
dedico á gaita profesionalmente. Foi no ano 97, nun espectacular concerto en Lugo, onde eu estaba
de artista invitada e alí me bautizaron. Dous anos despois saquei o primeiro disco en solitario. Eles e a miña familia foron os que me convenceron para dar o paso.

Acaba de lanzar o seu sexto traballo discográfico, é máis especial se cabe que ningún porque foi gravado no confinamento?

Xestouse desde o meu balcón, por iso se chama así. Todos os discos son especiais, pero este é máis
polas circunstancias que nos tocaron vivir. Tódolos días a miña familia e eu saiamos ás 8 da tarde para dar o noso aplauso musical a tódolos profesionais. E tamén aos nosos veciños, que eran o público que viamos. Pero os vídeos que gravamos tiveron unha gran repercusión na redes e xente de
todo o mundo púxose en contacto comigo. Eu pedíalles aos meus seivaneiros (non me gusta followers) as pezas que querían que tocara. Eles propoñíanme temas clásicos como A saia da Carolina, o Pousa pousa... e tamén un nutrido repertorio do noso patrimonio musical menos coñecido. Así fixemos entre todos un temario percorrendo toda Galicia.

Conta cun repertorio de Ricardo Portela, Suso Vaamonde ou Pepe Romero. É unha volta ás orixes?

Por suposto, este tería que ter sido o meu primeiro disco, que saquei alá polo 1999. Este era o repertorio que manexaba desde pequena, de feito con 13 anos gravei unha maqueta con Caneiro con algunhas pezas deste disco. Pero nese tempo houbo o boom do folk, que tamén me gustaba moito, e tirei por aí. Tiven que agardar 30 anos e unha pandemia para sacalo.

Durante o confinamento liderou o movemento #nonmecanceles, preocupada pola repercusión que vai ter a pandemia na cultura galega. Como cre que afectará esta crise á música tradicional?

Estou moi enfadada polo que está pasando. Os músicos sempre estamos ao pé do canón cando se  nos precisa e moitas veces de xeito altruísta e, ao final, o ámbito cultural está sendo, coma sempre, o máis prexudicado con esta crise. Non é normal que os aeroportos estean cheos de xente, os estadios de fútbol tamén... e a nós para facer un concerto se nos pidan uns requisitos que noutros sectores non se lles esixen. No ámbito cultural loitamos moito para demostrar que a cultura é segura, de aí o lema #nonmecanceles. E por outro lado, as axudas que deron para o sector son irrisorias.

Como augura o futuro?

Estou moi preocupada, este ano tivemos que cancelar toda a xira. Fomos facendo cousas con moito
esforzo, porque o que queremos é traballar, pero o futuro é complexo. Non podemos esquecernos nunca de que a xente precisa da música, porque cura o espírito e a alma.

Comentarios