A asociación Aspas finaliza este sábado o Camiño no marco da celebración do seu 50 aniversario

Será recibida pola concelleira Concha Fernández ► O domingo está prevista unha ofrenda ao Apóstolo na Catedral

A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspas) finaliza este sábado o Camiño de Santiago tras percorrer 100 quilómetros nas últimas semanas no marco da celebración da súa 50 aniversario.

Usuarios, familias, profesionais e voluntarios chegarán sobre as 12.30 horas á Praza do Obradoiro, onde serán recibidos pola concelleira de Políticas Sociais de Compostela, Concha Fernández, e por diversos representantes da corporación municipal.  Tras iso, haberá un acto simbólico para conmemorar o cincuentenario desta asociación de axuda a persoas con discapacidade intelectual.

Posteriormente, terá lugar unha comida na Alameda. Xa o domingo, está prevista unha ofrenda ao Apóstolo na Catedral sobre as 13.15 horas.

Esta última etapa de sete quilómetros arrincará o sábado ás 10.00 horas do cámping de San Marcos, nunha ruta que comezou o pasado 1 de abril, e que na xornada do 20 de maio sumará a camiñantes que se incorporarán en puntos intermedios en San Lázaro e Porta do Camiño.

Todo iso, mentres Aspas ultima o preparativo para a celebración do seu cincuentenario, cuxo acto central terá lugar o 17 de xuño, nunha xornada na que se presentará un libro, un vídeo e unha exposición conmemorativa.

Comentarios