Netflix anuncia a serie 'Alta mar' para 2019, con Sacristán e Tamar Novas

A acción ocorre nun grandioso transatlántico cheo de pasaxeiros que viaxan de Europa a América en busca dun futuro mellor.

'Alta mar', en Netflix
photo_camera 'Alta mar', en Netflix

Netflix anunciou a produción da que será a súa cuarta serie orixinal española, Alta mar, que se estreará de forma global en 2019 e terá a José Sancristán e o compostelán Tamar Navas na repartición.

Alta mar, que comeza os seus ensaios esta semana, segundo informou este luns a plataforma de televisión de pago por internet, é unha serie de misterio e drama ambientada nos anos 40, que contará con oito episodios.

Creada por Ramón Campos e Gema R. Neira e escrita por Ramón Campos, Gema R. Neira Daniel Martín Serrano, Curro Novallas e José Antonio Valverde, a serie será dirixida por Carlos Sedes, quen exercerá tamén como produtor executivo.

Tamén están nesa tarefa Teresa Fernández-Valdés e Ramón Campos, quen continúan a súa exitosa andaina como produtores tras éxitos como Las chicas del cable, que acaba de estrear a súa terceira tempada en Netflix, e Fariña, entre outras.

"Estamos felices de volver colaborar con Netflix no que xa é o noso terceiro proxecto xuntos", dixo Campos, para quen Alta mar conta co "mellor equipo, encabezado polo director Carlos Sedes e polo director de fotografía Jacobo Martínez, artífices dos nosos maiores éxitos", como Gran Hotel, Velvet ou Las chicas del cable.

En Alta mar a acción ocorre nun grandioso transatlántico cheo de pasaxeiros que viaxan de Europa a América en busca dun futuro mellor.

Entre eles, dúas irmás, Carolina (Alejandra Onieva) e Eva (Ivana Baquero), tan distintas como inseparables; un aposto oficial, Nicolás Salas (Jon Kortajarena), ao que o destino situou no lugar equivocado; e un misterio por resolver: o asasinato dunha pasaxeira cuxo nomee non aparece na lista de abordo e á que ninguén recorda.

"Amores, intrigas e mentiras nun barco que esconde, en cada camarote, unha historia e, no fondo, un escuro segredo", onde "só unha cousa está clara: estando en alta mar, o asasino non poderá saír do barco", apunta Netflix sobre o argumento.

Na repartición, ademais de Sancristán no papel de Tío Pedro e Tamar Novas como Sebastián, figuran tamén Eloy Azorín e Félix Gómez, entre outros.

"Estamos moi orgullosos de continuar a nosa relación con Bambú e crear outra serie que atraia a audiencias de todo o mundo", comentou Erik Barmack, vicepresidente de Series Orixinais Internacionais de Netflix.

Comentarios