O Premio Puro Cora recoñece a Rodrigo Cota por escribir con brillantez "en moitos campos"

O xurado valorou que o columnista aplica a súa riqueza de recursos "literarios" en artigos sobre política e historia
Rodrigo Cota. RAFA FARIÑA
photo_camera Rodrigo Cota. RAFA FARIÑA

O columista de El Progreso e Diario de Pontevedra Rodrigo Cota (México DF, 1966) foi elixido este domingo gañador do XXVII Premio Puro Cora, que concede o Grupo El Progreso. O xurado adoptou a decisión por unanimidade baseándose na riqueza de recursos "literarios" que o galardoado aplica "en moitos campos" nos que escribe, entre os que destacan a política ou a historia.

O xurado estivo encabezado pola presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; o director xeral de El Progreso, José de Cora; o director de El Progreso, Alfonso Riveiro; o director do Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez; o director adxunto do Diario de Pontevedra, Pedro Pérez, e o exdirector de El Progreso, Lois Caeiro.

O galardoado recibiu un recoñecemento "de tanto prestixio" cun "susto" polo inesperado e con agradecemento

Pedro Pérez, Afonso Riveiro, Miguel Ángel Rodríguez, José de Cora, Blanca García Montenegro e Lois Caeiro. VITORIA RODRÍGUEZ

O secretario do xurado, José de Cora, explicou que o recoñecemento deste ano pretende ser "un respaldo" a un autor "que xa é considerado pola calidade do seu traballo", que desenvolve "en moitos campos". O director xeral de El Progreso fixo ver que esa brillantez e esa riqueza de elementos que se atopan nos textos do premiado pasan sempre polo filtro do seu humor. Ese humor fai que "trate os temas desde unha posición distante e á vez próxima" que traslada ao lector "unha sensación de agrado".

José de Cora: "Trata os temas cun humor que o sitúa nunha posición distante e próxima que, á vez, é agradable"

"SUSTO". Rodrigo Cota recoñeceu que se levou "un susto" cando lle comunicaron que gañara o Puro Cora porque non o esperaba: "Quedei sorprendidísimo". Asegurou sentirse "honrado" e desvelou que se pasara "media mañá chorando de emoción e outra media, chorando de alegría". "Nos dous últimos anos déronlle o Puro Cora a Lucía Méndez e a Manuel Campo Vidal. Impresiona que te poñan á altura deses persoeiros".

"Dá un pouco de medo que recoñezan o teu traballo cun premio tan prestixioso porque é unha responsabilidade. Como lle dicían a Spiderman: ‘Agora tes un superpoder e unha responsabilidade que debes cumprir'".

O premiado: "Como lle dicían a Spiderman: 'Agora que tes un superpoder e tamén tes unha responsabilidade que debes cumprir"

Esa carga moral non vai facer que cambie o seu modo de afrontar os textos porque "se che premia polo que fas, non para que cambies. Sería presuntuoso intentar facer cousas distintas".

A variedade das materias que trata, como destacaba o xurado, atribúea a un "oficio" que leva exercendo desde que debutou con 22 anos facendo unha columna nun xornal de Pontevedra, cidade na que vive. Cota asina dúas páxinas semanais en El Progreso e Diario de Pontevedra e outras dúas neste segundo periódico. Tamén é autor de libros, editor de textos e guionista de documentais de animación.

Comentarios