Wagner, "persoa de interese" na morte de Natalie Wood 37 anos despois

A investigación sobre a morte da actriz, afogada nun lago cando tiña 41 anos e estaba en compañía do seu marido, deu un xiro

Natalie Wood. AEP
photo_camera Natalie Wood. AEP

A recente aparición de novas testemuñas no caso da soada actriz Natalie Wood, que faleceu afogada en 1981 aos 43 anos, levou aos investigadores de Los Angeles a cualificar a súa morte como "sospeitosa". "Por primeira vez" hai "declaracións de testemuñas que retratan unha nova secuencia de acontecementos no barco esa noite", indicou un portavoz do departamento do aguacil do condado de Los Ángeles nun comunicado recolleito pola cadea CBS.


De acordo coa nota, unha testemuña afirmou escoitar berros e ruídos desde o camarote de Natalie Wood e o seu esposo, o tamén actor Robert Wagner. Posteriormente, outras testemuñas identificaron a un home e unha muller discutindo na popa do barco e consideraron que esas voces pertencían a Wood e Wagner.


O comunicado foi emitido horas despois de que se coñecese que as autoridades consideran a Wagner como unha "persoa de interese" dentro da investigación pola morte da súa esposa, un caso que foi reaberto en novembro de 2011.


Baixo a fórmula de "persoa de interese", adóitase identificar en Estados Unidos a un individuo que pode estar involucrado no caso ou que pode axudar a esclarecelo, pero que non é nin formal nin legalmente un sospeitoso.


Segundo CBS, que emitirá o vindeiro sábado Natalie Wood: Death in Dark Water dentro do seu espazo de investigación 48 Hours, Wagner, de 87 anos, negouse a falar cos investigadores desde a reapertura do caso.


A morte de Wood conmocionou ao mundo o 29 de novembro de 1981, ao aparecer afogada, aos 43 anos, nas proximidades da illa californiana de Santa Catalina, onde pasaba a fin de semana xunto ao seu marido Robert Wagner e ao actor Christopher Walken.


A investigación no seu momento determinou que Wood, despois de beber en exceso e dunha discusión con Wagner, quixo deixar o iate no que se atopaba. 

Segundo esa versión, a actriz tentou subirse nun bote de goma pero caeu á auga e afogouse, posto que non sabía nadar.


Os investigadores nun principio ditaminaron que o seu falecemento se debeu a un afogamento accidental, aínda que en 2013 matizaron que foi causado por "afogamento e outros factores indeterminados".


Natalie Wood participou en filmes míticos como Rebel Without a Cause (1955), Splendor in the Grass ou West Side Story, ambas as de 1961.

Comentarios