A Xunta e a catedral de Santiago asinan o convenio para acometer as obras prioritarias no templo

Tanto o presidente autonómico como o arcebispo coincidiron na importancia destas actuacións para protexer o legado monumental
Firma del convenio para la restauración de la catedral de Santiago
photo_camera Firma del convenio para la restauración de la catedral de Santiago

A Xunta de Galicia, a Fundación Catedral de Santiago e o Cabildo rubricaron este mércores o convenio que permitirá acometer as obras de maior prema que deben realizarse no templo compostelán.

O acordo subscrito, polo que o Goberno central achega 17 millóns de euros, fará posible levar a cabo ao longo do próximo quinquenio un total de dezaseis actuacións prioritarias previstas no Plan Director da Catedral.

A firma do convenio quedou definitivamente desbloqueada despois de que o Consello de Ministros autorizase a finais do mes de agosto pasado a concesión da citada cantidade para financiar as actuacións de restauración.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que presidiu o acto da firma, celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, dixo que logo de 800 anos, en alusión á consagración da basílica, "a Catedral de Santiago merecíase un convenio como este".

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, afirmou que a firma do convenio abre unha etapa "cos mellores agoiros" para o templo compostelán. O documento foi rubricado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo Santos, e o deán Segundo Pérez, en representación do Cabildo.

ACTUACIÓNS. A subvención do Goberno central permitirá intervir nas cubertas do templo e nas fachadas, nas torres de Vela e do tesouro, na tribuna, así como en teitos, bóvedas e outras zonas.

Tanto o presidente do Goberno galego como o arcebispo de Santiago de Compostela coincidiron na importancia que representarán estas intervencións para protexer o legado monumental.

Julián Barrio dixo que o convenio "permitirá avanzar nesa obrigación que o é de toda a sociedade á hora de procurar a preservación do patrimonio histórico-artístico".

Núñez Feijóo referiuse á Catedral de Santiago de Compostela como "a verdadeira xoia da coroa que preside o escudo de Galicia".

O presidente indicou que aínda que a Catedral "non se pode entender hoxe en día sen o fenómeno do Camiño, o certo é que non existiría Camiño se non fose pola Catedral". Ademais, agradeceu expresamente ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, a materialización do convenio asinado este mércores.

Recordou Feijóo que o horizonte do proxecto debe fixarse no próximo ano santo 2021, e que por iso haberá catro fases que permitirán a conclusión dos traballos antes do 31 de decembro do ano 2020.

Ademais, destacou a importancia do convenio "porque consolida –dixo– o marco de colaboración constitucional".

O xefe do Executivo galego refugou que a cifra de 17 millóns contemplada no acordo representase un gasto e dixo que ao contrario supón un importante investimento porque reverte en progreso e riqueza para Santiago e para Galicia.

Nesta liña, dixo que desde comezos deste ano 2015 máis de 216.000 peregrinos de 170 nacionalidades diferentes visitaron a Catedral de Santiago, un 10 % máis que o pasado ano, e que esa cifra aumentará ata finais de ano.

Feijóo avanzou que o Consello da Xunta aprobará este xoves o Plan Director dos Camiños de Santiago, que inclúe un conxunto de medidas "que pretende pór a punto este patrimonio inmaterial para que siga sendo un vehículo que dea a coñecer Galicia no mundo".

Ao termo do acto da firma, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, dixo a preguntas dos xornalistas sobre o convenio que se acababa de asinar, que "unha cuestión é innegociable, e é o peso específico que desde o punto de vista cultural e patrimonial ten a Catedral e o peso específico para a cidade".

Comentarios