Accidentado rescate da balea que quedou varada en Asturias

A cola do animal partiuse cando o guindastre se atopaba remolcándoa no porto de Navia

O exemplar de Rorcual Común que quedou varada o pasado mércores na cala do Figo, en Tapia de Casariego –a escasos quilómetros de Galicia–, atópase xa nas instalacións do Consorcio para a Xestión de Residuos Sólidos (Cogersa) en Xixón para realizarlle a necropsia tras un complexo traslado que se iniciou este venres.

RESCATE. O exemplar foi arrastrado desde o mar por unha embarcación de Salvamento Marítimo que a conduciu ata o porto de Navia, a uns vinte quilómetros do lugar onde quedou varada, para que fose sacada da auga coa axuda dun guindastre situado na zona que ocupa na terminal o estaleiro Armón.

No entanto, a operación complicouse cando a cola pola que estaba amarrada para ser izada partiuse e o resto do cadáver volveu a caer á auga o que fixo necesario recorrer a outro guindastre para intentar sacalo da auga.

As primeiras estimacións situaban o peso da balea entre 25 e 35 toneladas pero finalmente elevábase ata as 47 toneladas o que fixo necesario substituír o camión no que inicialmente estaba previsto realizar o traslado e aprazar ata esta mañá.

NECROPSIA. Técnicos da Consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente do Principado tomaran xa mostras de sangue, pel e graxa do cadáver do animal na cala onde morreu e comezaron a preparar o operativo para rescatar o cadáver da balea, de 21,7 metros de lonxitude.

O animal quedou varado nunha pequena cala de difícil acceso, á que non se pode chegar en vehículo, e pola que pasaron nos últimos días numerosas persoas para ver de cerca o cadáver da balea e fotografarse con el.

Segundo a Coordinadora para o Estudo e a Protección das Especies Mariñas (Cepesma), trátase dunha especie común nas augas do Cantábrico, aínda que no caso deste exemplar presentaba uns patróns de coloración inhabituais, e non había precedentes dunha balea deste tipo varada na costa asturiana desde hai vinte e cinco anos, tamén en Tapia de Casariego.

Comentarios