Acepta dous anos de prisión por espirse ante dous menores e facerlles tocamentos

O caso remóntase ao 2015 e rexistráronse en Padrón

A Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago condenou de xeito firme este xoves a dous anos de prisión a un home que recoñeceu terse espido ante dous menores e terlles feito tocamentos. Así o recolle o acordo de conformidade ao que chegaron a Fiscalía, que pedía inicialmente 13 anos de cárcere, e o acusado, nun xuízo que se celebrou a porta pechada.

A Audiencia considerou probado que o home é culpable dun delito de exhibicionismo, polo que lle impón unha pena dun ano de cárcere. Ademais, atribúelle dous delitos de abuso sexual, polos que lle impón unha pena de seis meses de prisión por cada un. A maiores, o home non poderá achegarse a menos de 200 metros das dúas vítimas durante un período conxunto de cinco anos polos tres delitos.

Todas as partes manifestaron no acto a súa intención de non recorrer a sentenza, polo que foi declarada firme. Así mesmo, o tribunal acordou suspender o cumprimento da pena por un período de tres anos coa condición de que o condenado non poderá delinquir neste prazo.

FEITOS. Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, recollido por Europa Press, o acusado, maior de idade e sen antecedentes penais, atopábase de visita no domicilio familiar dos menores, en Padrón, o 16 de xullo de 2015, cando, "con ánimo libidinoso e intención de menoscabar a intimidade sexual, espiuse completamente" en presenza dunha das vítimas cando estaba na súa habitación. Acto seguido, segundo relata o fiscal, o acusado acompañou ao menor ao cuarto de baño e, tras pechar a porta con chave, "quitouse outra vez a roupa, pediulle ao menor que tamén se espise e que lle tocase os seus xenitais e tocoulle ao menor diversas partes do seu corpo".

O 21 de xullo de 2016, entre as 18,30 e as 20,30 horas, o acusado, que fora de novo ao domicilio "con idéntico ánimo e no interior do cuarto de baño, espiuse en presenza da outra filla menor e pediulle que se quitase a roupa e tocou á menor pola zona do peito". Por iso, a Fiscalía considera que os feitos son constitutivos dun delito de exhibicionismo polo que pide a pena dun ano de prisión e de dúas de abuso sexual polos que solicita seis anos por cada un, que finalmente rebaixou a seis meses cada un.

Comentarios