Cinco acusados serán xulgados por intento de asasinato e secuestro en Oroso

O fiscal pide penas de entre un e vinte e dous anos de prisión para os diferentes procesados

Cinco persoas sentarán este martes no banco da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña pola presunta comisión dos delitos de roubo, intento de asasinato, detención ilegal e receptación tras un asalto en Sigüeiro, no municipio de Oroso, en 2013. Está previsto que a sección segunda acolla este proceso durante tres días e o fiscal pide penas de entre un e vinte e dous anos de prisión para os diferentes procesados.

Todo ocorreu, segundo o escrito de acusación, despois de que presuntamente unha muller, para a que piden catro anos de cárcere, contactase cun amigo, ao que solicitan idéntica pena, para que este se ocupara de cobrar unha débeda de 2.850 euros. Supostamente esta segunda persoa conseguiu que outras dúas fosen á casa da vítima o 24 de outubro de 2013, en Sigüeiro, onde estaba a suposta debedora, o seu marido, o seu irmán e a súa filla de nove anos.

Durante o presunto asalto houbo varias lesións e incluso se disparou unha pistola co canón apoiado na tempa da principal vítima, o que constitúe o suposto delito de asasinato en grao de tentativa. Os dous asaltantes pecharían por fóra a vivenda, polo que o fiscal tamén os acusa dunha detención ilegal, pola que pide cinco anos para cada un, máis outros cinco polo roubo con violencia e intimidación en casa habitada.

Así mesmo, suma a un deles doce anos polo intento de asasinato, aplica a ambos os agravantes de disfrace e recompensa, acúsaos de tres faltas de lesións e engade a unha quinta persoa que cometería un delito de receptación. Esta procesada intentaría vender unha das xoias roubadas durante o asalto nunha tenda de venda de ouro no municipio de Arteixo e para ela piden un ano de cárcere.

Comentarios