Comisan media tonelada de vieira ilegal da ría de Ferrol en Mugardos

Os axentes interviñeron o coche no que cargaran o marisco extraído sen permiso

A Garda Civil de Fene e axentes do servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia incautaron esta pasada madrugada 509 quilos de vieira extraída de forma ilegal da ría de Ferrol, nas inmediacións do castelo da Palma, na localidade de Mugardos, informou o Instituto Armado. Foi nun operativo conxunto contra o furtivismo desenvolvido esta noite e do que deron conta, en senllos comunicados, tanto a Consellería do Mar como a Garda Civil.

Os axentes interviñeron o coche no que cargaran o marisco ilegal e identificaron a tres persoas, veciños de Valdoviño e Narón, aos que abriron acta de infracción. Portaban dous equipos completos de mergullo, ademais de media tonelada do molusco que foi entregado aos gardapescas para devolvelo á ría ferrolá. Os axentes tomaron mostras do marisco para a súa análise no Intecmar. Desde Mar recordan o perigo de comprar marisco extraído de forma ilegal xa que non supera os controis de seguridade alimentaria e implica un risco para a saúde.

Non é a primeira vez que a vieira ilegal da ría de Ferrol é a protagonista de moitos titulares. Dous grandes operativos da Garda Civil en 2008 e 2011, as operacións 'Cataluña' e 'Capacho' sacaron á luz unha trama que extraía o marisco de forma furtiva do fondo da ría con equipos de mergullo, aínda cando levaba moitos anos en veda pola toxina amnésica, e vendíana a distribuidores e hostaleiros de toda Galicia.

É o segundo operativo contra o furtivismo na ría esta semana, despois de que axentes da Policía Autonómica e os Gardacostas comisasen, a noite do luns ao martes, uns 50 quilos de ameixa babosa cun prezo no mercado duns 750 euros. Identificaron a 3 persoas e expulsaron a 14 máis. Os axentes, e así o reflectiu a Xunta na súa nota, denunciaron insultos e ameazas por parte dos furtivos durante a acción e danos nos coches oficiais.

Comentarios