Detido un home por esnaquizar un bar en Ourense e ameazar ao dono e a unha camareira

O acusado é un home de 51 anos natural de Venezuela, que tivo que ser reducido pola Policía tras abandonar o local na zona da Carballeira

Membros da Policía Nacional de Ourense detiveron na noite deste luns a un home acusado dun delito de ameazas e outro de danos por esnaquizar un bar e ameazar ao seu propietario e a unha camareira.

Segundo informou a Policía, os feitos sucederon pouco antes da medianoite deste luns, cando un individuo entrou nun bar da zona da Carballeira e comezou a tirar as botellas que estaban encima da barra, lanzándoas contra o expositor de botellas do interior da mesma.

O propietario do local e a camareira alí presentes recrimináronlle ao home a súa actitude e chamaron á Policía, momento no cal o agora detido agarrou unha botella polo pescozo, partiuna contra a barra e esgrimiuna cara a ambos en actitude ameazante, dicíndolles "o que se achegue rachóo".

Posteriormente, o home colleu un taburete e lanzouno contra a cristalería da entrada, provocando a súa rotura, e saíu ao exterior para tirar as cadeiras da terraza cara á vía pública.

Os axentes acudidos na zona procederon a reducilo e a detelo, un proceso durante o que o home non deixou de proferir insultos cara aos axentes. O detido é un home de 51 anos natural de Venezuela, con dúas detencións anteriores por distintos feitos.

Comentarios