Detido en Vigo por agarrar e empuxar á súa parella contra o berce do seu fillo

Ata hai uns meses el estaba baixo unha orde de afastamento

A Policía Local de Vigo detivo un home de 23 anos de idade de nacionalidade portuguesa e veciño de Vigo por un presunto delito de violencia machista tras agarrar e empuxar á súa parella contra o berce onde se atopaba o fillo de ambos os dous, segundo informou a policía.

O suceso tiña lugar ás 08:45 horas deste pasado mércores nun domicilio situado nas proximidades do Camiño Maceiras onde se estaba producindo unha discusión de parella segundo avisara a Central de Información e Mando (Cima).

Ao chegar ao lugar dos feitos, os axentes atopáronse o portal aberto e unha muller na entrada que resultou ser a presunta vítima.

Segundo o seu relato, o seu compañeiro chegara a casa en estado ebrio e discutiran antes do forcexo. Non era a primeira vez que sucedía, segundo asegurou a muller aos axentes, estando o detido baixo unha orde de afastamento que finalizou hai uns meses.

A muller non presentaba lesións aparentes pero se atopaba moi nerviosa e coa intención de denunciar o suceso.

O presunto agresor presentaba síntomas de inxerir bebidas alcohólicas en doses excesivas e cando o estaban detendo ameazou de morte á súa parella, segundo o informe policial.