Evacuado en helicóptero por unha escordadura na Pobra do Caramiñal

Foi o propio ferido —que se atopaba practicando barranquismo no 'salto do Xerónimo'— o que chamou ao 112 e informou as dificultades de acceso ao lugar

Un home foi evacuado na tarde deste xoves polo helicóptero Pesca I ao Hospital do Barbanza tras sufrir unha torcedura de pé cando realizaba barranquismo na confluencia dos ríos Pedras e Barbanza, no concello coruñés da Pobra do Caramiñal.

O propio ferido chamou ao CAE 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria e indicou que o lugar no que se atopaba era de difícil acceso, o coñecido como 'salto do Xerónimo'.

Por este motivo, a evacuación só foi posible mediante medios aéreos, a pesar de que os efectivos dos parques comarcais de Ribeira e Boiro acudiron a pé ata o lugar no que se atopaba o ferido.

Unha vez recibida a alerta, minutos antes das 17.45 horas deste xoves, o 112 activou un operativo de rescate no que tamén participaron Urxencias Médicas, Protección Civil da Pobra, Servizo de Gardacostas de Galicia, Garda Civil e Policía Local.

Comentarios