Evacuado en helicóptero un home que foi atropelado na Pobra do Caramiñal

Un condutor quedou atrapado no interior do vehículo que manexaba tras saírse da vía en Esgos

Un equipo médico a bordo do helicóptero con base en Santiago desprazouse ao municipio da Pobra do Caramiñal para atender a un home que foi alcanzado por un turismo, informou o 112.

O accidente produciuse ás cinco desta tarde na Rúa Devesa. Segundo explicou a persoa que contactou co 112 Galicia, o home foi atropelado por un turismo cando atravesaba por un paso de peóns.

Casualmente, unha médica que pasaba pola zona fíxolle unha primeira exploración e localizou un forte golpe na cabeza. Ademais, sinalou que o ferido estaba inconsciente. Finalmente, a persoa foi evacuada de urxencia ao Hospital Clínico a bordo do helicóptero con base en Santiago de Compostela.

Os xestores do 112 Galicia puxeron en marcha o operativo logo de recibir a chamada dunha persoa particular. Ademais dos profesionais de Urxencias Médicas, desde o Centro de Atención ás Urxencias de Galicia informouse aos axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Ribeira e aos voluntarios de Protección Civil.

ACCIDENTE EN ESGOS. Así mesmo, un condutor quedou atrapado no interior do vehículo que manexaba tras saírse da vía. Ocorreu ás 15:30 horas deste mércores na OU-536, ao paso polo concello ourensán de Esgos.

A situación na que quedou o vehículo impedía saír ao condutor, que tivo que ser excarcerado polos membros do GES de Pereiro de Aguiar. Con todo, o home, único ocupante do turismo, estivo consciente e, en canto foi liberado, recibiu asistencia médica.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para informar o suceso. A partir de aí, os xestores avisaron a Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e GES de Pereiro de Aguiar. 

Comentarios