Excarcerada unha muller tras saírse da vía o coche no que viaxaba en Boiro

A vítima foi trasladada polos servizos sanitarios a un centro médico

Ambulancia do 061. ARQUIVO
photo_camera Ambulancia do 061. TOÑO PARGA (ARQUIVO)

Unha muller resultou ferida este luns pola tarde ao saírse da vía o coche no que viaxaba á altura de Cespón, no termo municipal coruñés de Boiro, polo que tivo que ser excarcerada polos bombeiros logo de quedar atrapada no interior do turismo accidentado, segundo informou o 112 Galicia.

O sinistro ocorreu na AC-305 sobre as 12.30 horas e foi nese momento cando unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do sucedido.

Desde o 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Boiro, de Protección Civil Boiro e do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez liberada, a muller foi trasladada a un centro médico polos efectivos sanitarios nunha ambulancia.