Excarceran a unha persoa tras sufrir unha colisión na Pobra do Caramiñal

Dúas mulleres resultaron feridas ao chocar contra un camión en Mañón

Unha persoa tivo que ser excarcerada tras sufrir un accidente de tráfico na Pobra do Caramiñal. O turismo no que viaxaba a vítima chocou contra unha embarcación que se atopaba aparcada. Debido ao impacto, o pé da persoa accidentada quedou atrapado. Foi trasladada ao hospital do Barbanza.

Os feitos ocorreron na parroquia do Xobre, no lugar da Garita, ao fío das 18.20 horas deste venres. Nese momento o 112 Galicia recibía a alerta do sinistro a través da Policía Local, que solicitaba unha ambulancia.

A partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia pasaba o aviso a 061-Urxencias Sanitarias, a Protección Civil e aos Bombeiros de Ribeira e de Boiro.

Colisión entre coche e camión
Por outra banda, dúas mulleres resultaron feridas este sábado pola mañá despois de que o coche no que viaxaban chocase contra un camión en Mañón.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro a través dun particular pasados uns minutos das 7.00 horas. Indicaba que se produciu un accidente de tráfico na estrada xeral que une Ortigueira e Viveiro, xusto á entrada do Barqueiro.

Foi nese momento cando o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia alertaba aos Bombeiros do Eume, a 061-Urxencias Sanitarias, aos axentes de Tráfico, a Protección Civil e ao GES de Ortigueira.

Comentarios