Falece unha muller no incendio da súa vivenda en Carral

A vítima atopábase nun dormitorio que ardeu case por completo

Unha muller morreu este mércores pola tarde nun incendio que se declarou na súa vivenda en Carral. A vítima atopábase nun dormitorio que ardeu case por completo.

O resto da casa viuse afectada polo fume e parte do tellado caeu debido ás altas temperaturas que se alcanzaron no inmoble. A muller era a única habitante da casa, segundo o 112 Galicia.

A vivenda, formada por un baixo e un baixo cuberta, está situada no número 24 da rúa da Osa Mayor da localidade coruñesa. Varios particulares puxéronse en contacto co 112 porque a vivenda estaba chea de fume e alertaban de que unha muller podía atoparse no seu interior.

BOMBEIROS. O 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Arteixo, o 061-Urxencias Sanitarias, a Garda Civil e Protección Civil.

Unha vez no interior da vivenda, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Arteixo atoparon á muller falecida nunha habitación do baixo cuberta.

Descoñécense, polo momento, as causas que provocaron o incendio.