Un operario de sesenta anos, residente en Verín, faleceu este mércores tras sufrir un accidente co camión volquete nunha zona próxima ás obras para o Ave da estación Prado-Cercedelo, no municipio ourensán de Laza.
Segundo informaron fontes de urxencias, o sinistro produciuse sobre as 10.55 horas no túnel do vertedoiro de Prado, na estrada que une Laza e Vilar de Barrio, cando o camión se precipitou por un desnivel mentres estaba a descargar material procedente das obras do Ave nun vertedoiro.
En concreto, os investigadores apuntan a que o camión envorcou –tras afundirse o terreo– durante as manobras de descarga nun vertedoiro das obras de construción do Ave.
Ata o lugar desprazáronse membros da Garda Civil e Protección Civil para esclarecer as causas do accidente así como persoal de urxencias que "unicamente" puido certificar a morte da vítima.
As primeiras hipóteses apuntan a un accidente laboral cando "estaba a descargar material procedente das obras do Ave" e o camión "foise para atrás, precipitándose por un desnivel".
A vítima é I.B.G, de sesenta anos, nacido en Terroso, Vilardevós, e con domicilio en Ourense, segundo datos facilitados pola Garda Civil.