Ingresa en prisión un ferrolán que apuntou cunha arma á dona dun estanco para roubarlle

O outro detido polo atraco, que se encargou de vixiar no exterior, quedou en liberdade á espera do que decida o xuíz

A titular do xulgado de instrución número 1 de Ferrol decretou o ingreso en prisión dun veciño desta cidade acusado de perpetrar o pasado martes, día 24, o atraco a un estanco situado na rúa Benito Vicetto. Atribúeselle un presunto delito de roubo con violencia e intimidación, xa que utilizaría un arma de fogo para amedrentar á propietaria e única persoa que se atopaba nese momento no local.

As pescudas iniciadas por axentes da Policía Nacional pertencentes á comisaría de Ferrol-Narón deron o seu resultado na tarde deste xoves cando, ademais do agora encarcerado, os axentes detiveron a outra persoa, que supostamente realizaría a función de vixilancia no exterior mentres que se cometía a acción delituosa.

Os arrestados, homes de 34 e 44 anos, teñen varios antecedentes policiais e durante este atraco lograron facerse con todo o diñeiro que había na caixa rexistradora. Tras abandonar o lugar, a propietaria do establecemento tivo que recibir asistencia médica por unha crise de ansiedade, xa que tres meses antes fora obxecto tamén dun roubo co mesmo procedemento e á mesma hora. 

Tras a pertinente denuncia, fixéronse cargo do caso membros da Policía Científica e da Policía Xudicial, solicitando para iso a declaración de varias testemuñas. Os efectivos policiais tamén localizaron o vehículo utilizado para darse á fuga, e en cuxo interior aínda se atopaban distintas pezas de vestir utilizadas no atraco.

Tras as dilixencias en comisaría unha deles quedou en liberdade, á espera do que resolva a autoridade xudicial, mentres que o outro foi trasladado á prisión provincial de Teixeiro, en Curtis.

Comentarios