Interveñen máis de 300 litros de licor ilegal que ía á hostalaría de Bergantiños

A bebida localizouse en establecementos de Laxe, Vimianzo, Cabana e Ponteceso

A operación Chupito saldouse en Galicia con axentes da Garda Civil de Vimianzo procedendo á aprehensión de 325 litros de licor de procedencia ilícita que se trataba de comercializar na zona de Bergantiños-Soneira. 

Hai unha semana, informou o Instituto Armado nun comunicado, iniciouse por parte da Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Vimianzo un operativo para tratar de determinar de onde procedían determinadas partidas de licor que carecían de precintos e marcas fiscais. 

A investigación levounos a identificar a un distribuidor que operaba na zona de Bergantiños-Soneira e que trataba de evitar os pertinentes controles fiscais e sanitarios. 

Este martes interceptouse ao distribuidor na localidade de Arteixo mentres transportaba nun vehículo a cantidade de 50 garrafas de licor

Das investigacións practicadas puidéronse intervir diferentes partidas de licor ilegal en establecementos hostaleiros de Laxe, Vimianzo, Cabana de Bergantiños e Ponteceso, e finalmente este martes interceptouse ao distribuidor na localidade de Arteixo mentres transportaba nun vehículo a cantidade de 50 garrafas, 36 de cinco litros e o resto de tres, e 68 botellas con colocación indebida de precintos. 

Por parte dos axentes actuantes procedeuse entón á inmovilización da mercancía, quedando a disposición da Aduana da Coruña, e a abrir o pertinente expediente administrativo en contra do distribuidor e daqueles locais que despacharían o produto de xeito ilícito.

Comentarios