Prisión para o presunto autor de cinco roubos en empresas de Santiago

A detención dun home de 38 anos de orixe romanesa prodúcese no marco da operación Cofago 2

Axentes da Garda Civil adscritos ao Posto Principal de Milladoiro (Ames) detiveron a un home como suposto autor de polo menos cinco roubos con forza cometidos en naves industriais e empresas da área metropolitana de Santiago, feitos polos que foi decretado o seu ingreso en prisión.

Fontes do instituto armado informan este sábado desta detención, enmarcada na operación Cofago 2, na que foi detido un home de 38 anos de orixe romanesa.

Unha clínica de podoloxía en Teo, un taller mecánico de Milladoiro ou unha tenda agrícola de Santa Comba son algúns dos establecementos que presuntamente asaltou, xunto con senllos roubos de furgonetas e de, polo menos, un turismo, onde os gardas descubriron obxectos procedentes dos citados roubos.

Sobre este home, que residía temporalmente nunha pensión do termo de Padrón, pesan dous requisitorias de procura e detención por feitos similares.

Tras ser detido foi posto este sábado a disposición do Xulgado de Instrución Número Tres de Santiago, cuxo titular decretou o seu ingreso en prisión de forma provisional.

Comentarios