Remolcan ao porto da Coruña a un mercante avariado con 28 tripulantes

O barco partira desde Las Palmas de Gran Canaria con destino a Róterdam

Salvamento Marítimo remolca cara ao porto da Coruña a un barco mercante que estaba á deriva por unha avaría con vinte e oito persoas a bordo ao oeste da localidade coruñesa de Fisterra. O MSC Ajaccio, con bandeira de Malta, partiu de Las Palmas de Gran Canaria cara a Róterdam, nos Países Baixos, coa súa habitual carga de colectores e, durante o traxecto, xurdiu un problema coa bomba de lubricación.

Estaba a dezaoito millas náuticas ao oeste do cabo Fisterra cando empezou a derivar cara á costa, segundo dixeron a Efe fontes de Salvamento Marítimo. Os buques Don Inda e Sebastián de Ocampo acudiron no seu auxilio e púxose en prealerta aos helicópteros Helimer 401 e Pesca 1, de Sasemar e a Xunta de Galicia respectivamente, que non se chegaron a mobilizar.

Con dificultade polas condicións meteorolóxicas e a forte marusía comezaron as manobras de remolque que agora executa o Don Inda, que está unhas catro millas ao oeste do cabo Touriñán, en Muxía.

O MSC Ajaccio leva vinte e oito tripulantes a bordo e o seu remolcador transpórtao cara ao porto da Coruña, onde prevé solucionar a avaría.

Comentarios