Rescatan a un home que caeu por un acantilado en Malpica de Bergantiños

O home atopábase nunha zona de difícil acceso e tivo que ser trasladado ao hospital

Un home tivo que ser rescatado polos servizos de urxencia logo de precipitarse por un cantil e terminar nunha zona de difícil acceso, segundo informou o CAE 112 Galicia.  

O suceso tivo lugar este domingo nas inmediacións do faro de Punta Nariga, situado no municipio coruñés de Malpica de Bergantiños. Ao redor das 12.15 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular alertando da situación. Esta persoa tivo coñecemento do suceso por parte do propio accidentado, quen lle escribiu unha mensaxe ao seu teléfono móbil pedindo axuda.  

Tras localizalo, a dotación de bombeiros desprazada ao lugar utilizou unha padiola e cordas para sacar ao home do lugar onde caera. O ferido foi trasladado por Urxencias Sanitarias 061 ata un centro hospitalario cunha fractura nunha perna.  

Ademais dos bombeiros e os servizos sanitarios, ata o lugar tamén se achegaron axentes da Garda Civil, o GES de Ponteceso e membros de Protección Civil.

Comentarios