Rescatan un home dunha vivenda abandonada en Santiago na que se rexistrou un incendio

A vítima atopábase no tellado do inmoble. Os Bombeiros tardaron máis de dúas horas en extinguir o lume

Os Bombeiros de Santiago rescataron este xoves un home do tellado dunha casa debido a un incendio rexistrado no baixo da vivenda na que supostamente durmía o individuo.

Segundo informaron a Europa Press fontes dos Bombeiros de Santiago, pasadas as 4.30 horas saíron do parque cunha unidade de primeira intervención, formada por un vehículo autobomba e un autoescada, e co apoio doutro camión para fornecer de auga. O incendio rexistrouse nunha vivenda situada no número 5 da rúa Restollal, nunha casa antiga abandonada con baixo, primeira planta e bufarda na capital galega.

Os bombeiros sinalaron que o lume afectou ao baixo, unha habitación de entre "40-50 metros cadrados" na que almacenara "moitos colchóns, neveiras, televisores, roupa", entre outro material. Mentres, o fume afectou o resto da vivenda.

Os bombeiros ao chegar atoparon un home de mediana idade, segundo explicaron, no tellado con problemas para baixar. "Estaba ben e pedía que o baixasen", relataron as mesmas fontes, que apuntaron a posibilidade de que se tratase dun sen teito que durmía na vivenda abandonada. Unha vez rexistrada a vivenda e comprobado que non había ninguén máis no interior, os bombeiros procederon á extinción do incendio que lles levou tempo" debido á cantidade de obxectos almacenados. "Houbo que sacar o material", destacaron, para engadir que "custou apagar todo aquilo".

As mesmas fontes sinalaron que as vivendas lindeiras non resultaron afectadas o incendio e, tras concluír os labores, sobre as 7.00 horas regresaron ao parque.

Comentarios