Traballador antiincendios en estado grave na Coruña

O home ingresou con queimaduras de segundo grao profundas e de terceiro grao que afectan a entre un vinte e cinco e un trinta por cento do seu corpo

O traballador do servizo de extinción de incendios que foi trasladado este luns á Coruña polo incendio forestal que se produciu na parroquia de San Clodio, en Ribas de Sil (Lugo), continúa grave aínda que estable, informan fontes sanitarias.

Cinco persoas resultaron feridas, catro de carácter leve, cando traballaban na extinción do lume e o máis grave foi trasladado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Ingresou con queimaduras de segundo grao profundas e de terceiro grao que afectan a entre un vinte e cinco e un trinta por cento do seu corpo, en especial a brazos, pernas e cara.

O prognóstico era grave e as mesmas fontes sanitarias detallan que este martes "non hai cambios" pois continúa "estable" mentres está ingresado na unidade de queimados do CHUAC.

Comentarios