Trasladan ao Chuac a un ferido nunha colisión entre dous turismos na AP-9 en Culleredo

Un dos coches, debido ao impacto, quedou envorcado na vía e temeuse que houbese persoas atrapadas no seu interior

Dúas persoas resultaron feridas este xoves nunha colisión entre dous vehículos na AP-9 á altura do termo municipal coruñés de Culleredo, segundo informou o 112.

Os particulares que solicitaron axuda indicaron que un dos coches, debido ao impacto, quedou envorcado na vía e por este motivo temeuse que houbese persoas atrapadas no seu interior.

O persoal do 112 alertou aos bombeiros de Arteixo e A Coruña e, unha vez os medios no punto, descartaron o emprego de material de excarceración, posto que os ocupantes dos vehículos podían saír polos seus propios medios.

Un dos feridos foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) polos servizos sanitarios de urxencia. A chamada de alerta recibiuse pasados uns minutos das 17.00 horas e informouse entón a Urxencias Médicas, Protección Civil de Culleredo, Garda Civil de Tráfico e persoal de mantemento da autoestrada.

COLISIÓN MULTIPLE NA CORUÑA. Por outra banda, o 112 Galicia tivo constancia este mediodía dunha colisión múltiple na cidade da Coruña na que tres turismos se viron implicados. Neste caso, unha persoa resultou ferida. O sinistro, que tivo lugar minutos antes das 13.00 horas, ocorreu na Ronda de Outeiro e, tras recibir a alerta, púxose en coñecemento dos técnicos sanitarios, Protección Civil e Policía Local.

Comentarios