Un camioneiro é trasladado ao hospital tras envorcar o vehículo que conducía

Transportaba pedras de entre 1.000 e 4.000 quilos ► O accidente tivo lugar en Arteixo ► Unha colisión múltiple en Porto do Son sáldase con dous feridos

Un accidente de tráfico no que se viu implicado un camión tivo lugar este mércores pola mañá en Arteixo. O vehículo envorcou na AC-15, no punto quilométrico 4, en dirección ao Porto Exterior. A carga que transportaba, pedras de entre 1.000 e 4.000 quilos, finalizou, a consecuencia do sinistro, no carril sentido AG-55. Foi un particular quen daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 10.00 horas. 

Nese momento, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puña a situación en coñecemento da Policía Local, de Urxencias Médicas e de Protección Civil. O condutor do camión foi trasladado ata o centro hospitalario San Rafael.

PORTO DO SON. Por outra banda, dúas persoas resultaron feridas logo dun choque entre tres vehículos en Porto do Son. O accidente ocorreu na AC-550, concretamente no punto quilométrico 93.500. Un particular alertaba do sinistro ao 112 Galicia ás 10.05 horas. Indicaba no seu relato que, tras o impacto, os turismos obstaculizaban o tráfico ao quedar no medio da estrada.

Enseguida, desde o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Ribeira, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. A dotación do parque comarcal levou a cabo a limpeza da vía e desprazou os vehículos a unha estrada secundaria. Finalmente, as dúas persoas feridas foron trasladadas ao Hospital de Barbanza.

Comentarios