Un xabaril provoca un accidente con catro vehículos danados na A-52

O golpe, con cuantiosos danos nos vehículos, produciuse á altura do municipio de Cualedro

Catro vehículos resultaron danados nun accidente provocado por un xabaril que accedeu á autovía A-52, á altura do quilométrico 175 en sentido Vigo, no termo municipal de Cualedro. O sinistro saldouse sen danos persoais pero con cuantiosos danos nos vehículos, ademais de obrigar a interromper o tráfico na citada vía.

O accidente produciuse ao redor das oito da tarde deste venres cando na zona había unha intensa néboa.

Ademais desta incidencia, o Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia rexistrou nas últimas horas deste venres outros accidentes provocados por animais que interceptaron en diferentes puntos da rede viaria.

En Mazaricos, ás 20.00 horas, un lobo, segundo confirmaron os axentes da Garda Civil, atravesou a DP-2304, no tramo que vai desde Piñeiro do Val á Picota, sendo alcanzado o animal por un turismo que tamén resultou danado.

Outros xabarís cruzáronse noutras vías, como, por exemplo, na N-120, en Quiroga ou na estrada de Sober a Tilleiros ou na N-540, en Portomarín. En ningún dos casos se rexistraron persoas feridas.

Comentarios